Propoñen sancionar con ata 5.000 euros os manifestantes que cortaron a etapa de La Vuelta en Pontevedra

Pontevedra
15 de outubro 2025
Actualizado: 14:58

Antiviolencia acordou propor sancións a 53 manifestantes por invadir a calzada e enfrontarse aos axentes durante tres etapas da última Volta Ciclista a España, entre elas a de Poio-Mos

Protestas propalestinas ao paso de La Vuelta por Pontevedra
Protestas propalestinas ao paso de La Vuelta por Pontevedra / EFE - Lavandeira Jr.

A Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte propuxo para sanción este mércores a 53 persoas que se manifestaron ao paso de tres das etapas de La Vuelta Ciclista España.

Nesa listaxe de etapas valoradas por Antivioencia atópase a xornada 16 da rolda ciclista, disputada integramente pola provincia de Pontevedra o pasado 9 de setembro con saída desde Combarro e chegada no municipio de Mos, e que tivo que ser recortada no seu tramo final polas protestas de apoio ao pobo palestino e condenando a ofensiva militar de Israel en Gaza.

Unhas manifestacións que, sen incidentes, tamén foron visibles ao paso da caravana ciclista pola cidade de Pontevedra.

En concreto os expedientes corresponden a actuacións desenvolvidas pola Ertzaintza no paso da proba polo País Vasco e da Garda Civil en Asturias e Pontevedra.

As propostas de sanción aprobadas recollen multas de 1.500 a 5.000 euros e a prohibición de acceso a recintos deportivos de 3 e 12 meses pola comisión de infraccións leves e graves.

A Garda Civil, que foi a que actuou nas etapas asturianas e na celebrada en Pontevedra, propuxo para sanción a 39 manifestantes. Deles, 12 foron detidos por tentar cortar a estrada e encadearse ás varandas nun tramo da etapa 13 (Cabezón de la Sal - L'Angliru), segundo establece a resolución feita pública polo Consello Superior de Deportes.

Pola súa banda a policía autonómica vasca cursou expedientes a 14 cidadáns por incidentes na etapa 11 en Bilbao, dos que catro foron detidos por enfrontamentos cos axentes cando tentaban invadir a vía.

Estas propostas de sanción súmanse ás multas propostas pola Comisión Estatal nas súas dúas reunións anteriores, relativas a outras etapas da carreira ciclista.