A localidade coruñesa de Cerceda foi este mércores escenario do Campionato de Galicia Contrarreloxo de ciclismo en estrada, sobre un percorrido de 18 quilómetros.
Os nomes propios da xornada foron o ciclista sub-23 Raúl Casalderrey, do Grupo Deportivo do Sumercados Froiz, e a corredora júnior do XSM marinense María Filgueiras.
Ambos os dous foron os máis rápidos tanto en categoría masculina como feminina, non só no seu grupo de idade, levándose unha merecida medalla de ouro.
Na proba masculina foron tres ciclistas sub-23 os que coparon o podio. Ademais de Casalderrey, que completou o percorrido cun tempo de 26 segundos e 13 segundos, segundo foi Alejandro Paz do equipo Cortizo (26:17) e terceiro outro deportista do Froiz, Miguel Rodríguez (26:29).
En categoría feminina, a júnior María Filgueiras completou os 18 quilómetros da proba en 32 minutos e 27 segundos, superando a María Jesús Barros (Team Oiense) e Lucía Piñón (Narón CC).
Pola súa banda na categoría sub-23 feminina o Team Farto copou a clasificación con Laura Mira (cuarta na xeral), Sabela Rey e Carmen Mallo nos tres primeiros postos.
Tamén pisou o podio en categoría júnior feminina Aroa Otero, do Froiz, cun terceiro posto.