Con ambición aínda que no seu particular 'desterro'. Así arrinca a tempada o Club Bádminton Ravachol Pontevedra.
Na que será a súa sexta campaña na máxima categoría nacional, a División de Honra, o equipo pontevedrés verase obrigado polo momento a seguir xogando como local fóra da Boa Vila.
En concreto iniciará a liga o 21 de setembro contra o Eivissa no Pavillón Coto Ferreiro da Estrada, pero segue "traballando para que no futuro as xornadas como local poidan celebrarse en Pontevedra, aínda que de momento non foi posible", aseguran.
Mentres esas xestións continúan o seu curso o Ravachol deu por pechado o seu plantel con novas incorporacións, dúas delas internacionais coas inglesas e especialistas en dobres Sian Kelly e Jessica Hopton, xunto á galega Ana Novoa.
En total durante o verán o Bádminton Pontevedra pechou a renovación de 13 xogadores e a incorporación de varias fichaxes internacionais.
"É a tempada na que contamos co plantel máis longo e ambicioso desde que estamos en División de Honra. O noso obxectivo é a permanencia, pero se a conseguimos pronto, con este equipo podemos soñar", afirma o seu director deportivo, Jesús Pereiro.
"Estamos moi ilusionados. Tocounos un grupo complicado, pero os reforzos son xusto o que necesitabamos: máis calidade e máis profundidade. Se as lesións nos respectan, podemos facer un gran ano", sinala pola súa banda o capitán do equipo, Gabriel Fernández.
Ademais das tres últimas fichaxes incorpóranse ao proxecto Sid Palakkal, Franziska Volkmann e Patrick Volkmann, e seguirán os internacionais Georgina Bland, Felix Wright, Lisa Curtin, Leo Van Gysel e Emilie Drouin xunto aos irmáns Gabriel e Jacobo Fernández, Javier Suárez, Elena Fernández, Raúl Bergua, Marco Fernández, Carmen Carro e Iziar Barcala.
Os que non continuarán no equipo son Manuel Brea, Ana Carbón, Alexandra Oprișan e Lucía Rodríguez, xogadores que "o foron todo para o club, pero o proxecto segue adiante", defende Pereiro.