O Pontevedra Club de Fútbol está este sábado 16 de outubro de aniversarios, nin máis nin menos que coas súas 80 primaveras, e faino coincidindo coa disputa da sétima xornada de liga da Segunda RFEF que lle medirá (19.00 horas) á UD Llanera.
Ante semellante efeméride, e tentando mellorar a asistencia ao Estadio Municipal de Pasarón agora que quedaron atrás as restricións de aforo, a entidade granate decidiu rebaixar o prezo das entradas para o público xeral.
Desta forma ante os asturianos os billetes fixáronse en 20 euros na bancada de Tribuna, 10 euros en Preferencia e 8 euros nos fondos, en lugar dos 25 e 15 euros (Preferencia e fondos) dos primeiros encontros de liga na casa.
En canto aos menores de 16 anos, as súas entradas custarán 15 euros en Tribuna e 5 euros en Preferencia e fondos.
Ademais, só na bancada de Tribuna, os socios do Pontevedra poderán retirar unha entrada para un acompañante por 15 euros para adultos e 10 euros para menores de 16.