A progresión de Irene Trabazo parece non ter fin. A ciclista marinense proclamouse a pasada fin de semana campioa da Copa de España Sub-23 de ciclocrós.
Trabazo certificou o título tras impoñerse en Valencia na proba final do certame nunha apertada loita con Luisa Ibarrola, á que superou por un só punto na clasificación xeral.
A deportista do Marín-Ottoman foi cuarta na clasificación absoluta do XXII Ciclocross Ciudad de Valencia, cun tempo de 44 minutos e 34 segundos, só seis segundos máis rápido que Ibarrola e 11 que Sofía Rodríguez, terceira na súa categoría. A vencedora absoluta foi Lucía González (43:18).
Está a ser unha gran tempotrada para Irene Trabazo, líder da Copa Galicia da especialidade a falta da última proba tras vencer nas sete carreiras que disputou.
Por todo iso o Concello de Marín ofreceu este mércores unha recepción oficial á ciclista, á que desexou que siga logrando éxitos nas súas próximas competicións, como o Campionato Galego ou de España.