O salón de pleno do Concello de Bueu foi escenario este xoves dunha recepción oficial especial, a ofrecida ao equipo infantil feminino do Bueu Atlético Balonmán.
Unha forma de recoñecer o esforzo dun grupo de mozos que levou ao club a ser sétimo na recente fase final do Campionato de España celebrada precisamente en Bueu, no Pavillón Municipal Pablo Herbello.
Acompañado dos e as edís da corporación municipal, o alcalde Félix Juncal quixo felicitar as deportistas ante uns éxitos que "posiblemente sexan os máis importantes das vosas vidas", afirmou.
O rexedor quixo pór en valor "o gran traballo do Bueu Atlético Balonmán, porque sempre traballades dende a base".
Tamén interveu no acto o presidente da entidade deportiva, Manuel Castro, emocionado por ser capaces "de espallar o club e o nome de Bueu máis alá e iso énchenos de moito orgullo".
O Concello de Bueu fíxolle entrega ás deportistas duns diplomas de recordo.
O equipo infantil do Bueu Atlético está composto polas xogadoras Uxía Sotelo López, Mara Martínez Pastoriza, Ainhoa Blanco Sánchez, Violeta Miranda Rodríguez, Ainhoa Piñeiro González, María Canosa Menduíña, Marina Torres Gago, Carlota de la Torre Santos, Julia González Barreiro, Laura Iglesias Loira, Daniela Pazo Campos, Alexandra Ríos Sánchez, Ana Márquez Gil, Marta Chapela Pouseu e Marina Méndez Gómez.
O seu adestrador é Roque Arias Buceta con Martiño Castro Piñeiro con segundo e con Sergio Pazo Portas e Marta Piñeiro Torres como axudantes.