A Sociedad Deportiva Teucro quere dar un paso á fronte a próxima tempada para pelexar con máis forza por regresar á División de Honra Prata.
Para logralo a reconstrución no seu plantel comezou cunha peza clave, a do seu capitán.
Caue Herrera é a primeira renovación confirmada polo conxunto pontevedrés, que volverá competir o próximo curso en Primeira Nacional.
O pivote de orixe brasileira chegou ao vicedecano en febreiro de 2020 aínda en Prata, continuou no equipo un ano máis na segunda categoría e tamén o fixo tras o descenso, sendo un dos líderes do plantel desde entón.
Coa súa continuidade afrontará o seu quinto curso completo en Pontevedra.
En todo este tempo Caue foi importante polo seu traballo defensivo pero tamén pola achega ofensiva.