O Teucro reúne as súas lendas décadas despois: "Pontevedra é unha cidade que te namora"

Pontevedra
02 de maio 2025
Actualizado: 14:25

Ratsko Stefanovic, Velimir Rajic e Marko Curuvija son tres dos ex xogadores do Teucro que volveron, moitos anos despois, á cidade para participar nos actos de aniversario do club

Velimir Rajic, Marko Curuvija e Ratsko Stefanovic, lendas da SD Teucro
Velimir Rajic, Marko Curuvija e Ratsko Stefanovic, lendas da SD Teucro / Mónica Patxot

Contar con 80 anos de historia dan para moito, como ter podido gozar de grandes xogadores internacionais nas súas filas.

Con motivo do 80 aniversario da Sociedad Deportiva Teucro, algunha das súas lendas internacionais volveron moitos anos despois a visitar unha cidade que se lles quedou gravada na memoria.

Tres deles son Ratsko Stefanovic (tempada 94-95), Velimir Rajic (tempadas 93-94, 94-95 e 95-96) e Marko Curuvija (07-08 e 08-09), e cos tres charlou PontevedraViva horas antes da cea de aniversario do vicedecano do balonmán español.

"Fai 30 anos que estiven aquí e Pontevedra cambiou moito como cidade, é unha nova Pontevedra", explica un Stefanovic que agora repártese entre Srebrenica, Celje e París e que formou parte quizais do plantel máis lembrado do Teucro, o que a pelexou  cara a cara polo título de liga (finalizou cuarto) e clasificouse para disputar competición europea.

Naquel equipo tamén estaba Velo Rajic, que para os seus compañeiros "foi un dos mellores xogadores do mundo", destaca Stefanovic. Tamén para Marko Curuvija, que chegou a ser máximo goleador de Asobal co Teucro e que ve en Velo ao mellor xogador "dos que pasou pola liga española, seguro".

Ratsko Stefanovic, Marko Curuvija e Velimir Rajic, lendas da SD Teucro
Ratsko Stefanovic, Marko Curuvija e Velimir Rajic, lendas da SD TeucroMónica Patxot

Rajic, que actualmente vive en Almería, recoñece seguir desde a distancia as evolucións do Teucro e "até miraba onde estaba o Pontevedra de fútbol, porque Pontevedra é unha cidade que te namora", asegura.

Aos tres failles especial ilusión "ver a toda a xente, como a Pillo, a Puga...", afirma Curuvija, recentemente chegado desde Belgrado.

Faino tras ter podido xa compartir vivencias, experiencias e debater sobre o futuro do balonmán e do que foi o seu equipo, do que destacan que a pesar das penurias económicas pasadas e que abocaron o club a caer a Primeira Nacional "polo menos o Teucro agora mesmo existe, que non é pouco", defende Rajic lembrando que "moitos desapareceron polo camiño".

Velimir Rajic, Marko Curuvija e Ratsko Stefanovic, lendas da SD Teucro
Velimir Rajic, Marko Curuvija e Ratsko Stefanovic, lendas da SD TeucroMónica Patxot

Encantaríalles, por suposto, "ver si se pode subir, se mellora un pouco", pero conscientes de que "o balonmán ultimamente está nun nivel tan alto que fai falta diñeiro", explica Curuvija.

Claro que se nalgún lugar iso pode pasar é en Pontevedra e nunha provincia que chegou a contar con catro equipos a mesma tempada na máxima categoría. Por iso, eles que coñeceron tantos lugares ao longo da súa carreira recoñecen que "non hai outro sitio no mundo como este".

Palabras de tres auténticas lendas do balonmán.