A posición de Miguel Cuesta, reconvertido a lateral esquerdo, está a ser unha das sorpresas esta tempada no Pontevedra Club de Fútbol.
Aos seus 25 anos recentemente cumpridos o asturiano, que afacía actuar como extremo, está a consolidarse nunha posición na que "nunca xogara, máis aló dalgún partido solto", recoñece.
Pero non se trata dunha improvisación, e é que "é unha idea que xa vén desde pretempada, cando o adestrador me comenta que me ve nese posto", revelou este mércores a propio Cuesta desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.
Foi un proceso complexo, e de aí a súa falta de minutos no tramo inicial do campionato. Non entrou no equipo ata a xornada 7, pero desde entón participou en todos os encontros de liga consolidándose ademais no once titular.
"Vou adaptándome aos poucos, e cada vez estoume atopando mellor", asegura.
É consciente Miguel en todo caso de que aínda ten tarefa por diante para seguir crecendo como lateral, e por iso "seguimos traballando no aspecto defensivo que creo que é o meu punto débil, e despois no ofensivo tentando sacar a relucir cousas que xa teño dentro".
Cuesta valorou tamén a actualidade do equipo e a importancia que terán os dous próximos partidos na casa ante rivais en teoría directos no obxectivo da permanencia, como son Guadalajara e Arenas de Getxo. Por iso "creo que Pasarón ten que ser un fortín, temos que facernos fortes aquí coa xente que nos vén a apoiar cada quince días. Temos que aproveitar iso e sacar os máximos puntos posibles contra ou rivais directos", explicou.
Todo iso cunha receita clara, a de "ter os pés no chan, a cabeza fría e traballar día a día, que é o que nos vai a dar froitos".