Recuperar efectivos e volver ao seu mellor nivel, obsesión do Teucro antes da visita do Antequera

Pontevedra
25 de febreiro 2015

Chapela apura a fase final de recuperación da súa lesión de nocello, mentres Carlos García espera deixar atrás as molestias musculares que lle impediron xogar en Vigo

Adestramento do Teucro no Municipal
Adestramento do Teucro no Municipal / PontevedraViva

Tras a derrota en Vigo o Teucro pensa xa no encontro do próximo sábado (20:00 horas) ante o Meridiano Antequera no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.

Os azuis confían en recuperar efectivos para a cita, conscientes de que nas últimas xornadas as ausencias minguaron o seu rendemento.

Malia iso a confianza segue sendo máxima tras o segundo tropezo da tempada ao manter unha ampla marxe de seis puntos sobre o segundo clasificado.

A semana sen embargo comezou cun leve contratempo en forma dun proceso febril que afectou a Gonzalo Carró, se ben a súa participación o sábado non debería perigar.

Máis difícil terao David Chapela malia que evoluciona favorablemente e afronta a fase final de recuperación da lesión de nocello que o tivo afastado das pistas durante as últimas semanas.

Por outro lado está o caso de Carlos García, que confía en superar as molestias musculares que lle deixaron a última hora fóra da convocatoria o pasado fin de semana.