Reestruturación no Arxil trala marcha da australiana Skye Rees

Pontevedra
25 de xaneiro 2016

A xogadora, que chegou ao club verde empezada a tempada para substituír a Rosinha Duarte, pediu ao club a carta de liberdade para aceptar unha bolsa de estudos nunha universidade. A entidade pontevedresa debe decidir se incorpora a unha xogadora ou queda co plantel actual

Skye Rees nun partido co Arxil
Skye Rees nun partido co Arxil / Diego Torrado

Non tivo sorte o Club Baloncesto Arxil coas súas fichaxes esta tempada. Yanique Gordon é a única que está a responder con bos números en pista, pero deu os seus quebradizos de cabeza co visado perdendo varias xornadas de liga.

Mentres, Rosinha Duarte abandonou o club tras o primeiro tramo da Liga Feminina 2 ao non cubrir as expectativas coas que chegara, e a xogadora que chegou para substituíla, Skye Rees, segue agora o seu camiño.

A xogadora australiana desvinculouse da entidade pontevedresa "por decisión propia", explica o club, para aceptar unha bolsa de estudos nunha universidade.

En sete partidos, Rees alcanzou un pobre 3,4 de valoración con 6,3 puntos e 3,1 rebotes por partido, lonxe do que esperaban os responsables do Arxil.

Agora desde o club valoran se buscar un recambio ata final de tempada ou aguantar co plantel actual, que quedaría debilitado no xogo interior.