Custou, pero estreouse ao fin a 12ª edición da Regata Interclubes na Ría de Pontevedra. Cancelouse a proba inaugural en Sanxenxo e ocorreu o mesmo coa segunda etapa prevista para Beluso. Á terceira foi a vencida e a competición botou a andar en Portonovo.
Foi unha flota de medio centenar de barcos a que competiu nunha na que proba que, ademais, estaba en xogo o Trofeo Concello e Nauta Sanxenxo.
Inauguráronse así os marcadores dun circuíto que deixa como líderes a Corsario, Maracaná, Vagalume, Estrela, Marcolfo, Ziralla Primeiro, Daikiri e Iasi nas súas respectivas categorías.
A saída deuse ao redor das 14:45 e a proba transcorreu por un percorrido polo centro da Ría de entre 6.8 e 4.8 millas segundo a categoría.
As clasificacións por categorías déixannos os seguintes resultados: O Corsario de Jorge Durán é líder en Clase 1 Froiz por diante do equipo portugués Bião II de Rodrigo Cunha (Clube Naval de Leça) e do Youkounkoun III de Adolfo Castro (CN Portonovo).
A Clase 2 Vanguard foi para o Maracaná de Carlos García por diante do Arpón IV de Iñaki Carbajo (CN Beluso) e do Deep Blue 2.1 de Vicente Cid (RCN Vigo). Maior igualdade en Clase 3 ABANCA cun man a man entre o Vagalume de Luís Vidal (RCM Aguete) e o Travesío de Beatriz Abalo (RCN Sanxenxo), que se saldou con vitoria para os de Vidal.
Un debutante foi o vencedor en Clase 4 Murimar, A Estrela de Martín Amorín (CD Alagua). Onde non houbo sorpresas foi na categoría Open Nordés Veleria, dominada polo un Marcolfo de Pedro Martínez (RCN Rodeira) que defende o título da pasada edición.
O campión do 2025 en Clase con tripulación reducida Opticalia Campelo, o Ziralla Primeiro de Ramón Barreiro (RCN Sanxenxo), tamén se converte no primeiro líder da súa categoría.
Tamén mandan os defensores do título entre os Clásicos e Veteranos. Comeza liderando o Daikiri de Jorge Manuel Álvarez (RCN Sanxenxo) na división Efectos Navais Jesús Betanzos mentres que Iasi, de José Antonio Ortigueira, fai o propio na división Landín Informática.
A próxima etapa disputarase o vindeiro sábado 7 de marzo no Real Club de Mar de Aguete.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.