A Regata Interclubes de vela non termina de arrincar polo mal tempo

Pontevedra
06 de febreiro 2026
Actualizado: 15:44

A tradicional competición que se desenvolve na Ría de Pontevedra encadea a súa segunda cancelación consecutiva ante a alerta meteorolóxica prevista para a fin de semana

Regata Interclubes Ría de Pontevedra Clara Giraldo / Desmarque

Dúas xornadas, dúas suspensións.

A Regata Interclubes Ría de Pontevedra de Vela viuse obrigada a cancelar a súa segunda regata, prevista para este sábado 7 de febreiro en Beluso.

Do mesmo xeito que na etapa inaugural en Sanxenxo, tamén suspendida, a alerta meteorolóxica impide a celebración dunha competición xa clásica en augas da ría.

Nesta ocasión a Secretaría Xeral para o Deporte decretou a cancelación de toda actividade deportiva federada no mar durante o día 7 de febreiro, imposibilitando a celebración da Regata Interclubes.

Así pois, e si o clima finalmente o permite, arrincará na súa terceira cita prevista, o 21 de febreiro en Portonovo.

Ante a suspensión desta fin de semana a organización da Regata Interclubes activou un plan alternativo para os participantes ofrecendo unha xornada formativa sobre o Regulamento de Regatas, que será impartida polo xuíz nacional Juan José Durán no Real Club Náutico de Sanxenxo.

As probas por celebrar, ademais da do 21 de febreiro en Portonovo, son as do 7 de marzo no RCM Aguete, o 21 de marzo no Porto Deportivo de Combarro e o 11 de abril na Escola Naval Militar de Marín.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora