Despois da dura derrota vivida en Ciudad Real, o Club Cisne Balonmán regresou ao Pavillón Municipal para medirse ao Agustinos, un recentemente ascendido que non puntuou lonxe de casa pero que viña de eliminar a Huesca en Copa do Rey e ao Barça B en liga.
E tras 15 días fóra de casa e tres partidos a domicilio, o conxunto cisneísta regresou a Pontevedra para regalar á súa afección un importante triunfo que non só vale dous puntos, senón que serve para recuperar boas sensacións.
A primeira brecha no marcador produciuse aos catro minutos de xogo tras un sete metros detido por Franzini, o Cisne quedaba cun xogador menos sobre a cancha pola exclusión de Mateo Arias, pero Serrano encargábase de transformar o 3-1.
A igualdade continuou sendo a tónica predominante no duelo, o Agustinos devolveu o empate aos 9 minutos (4-4), pero en ningún momento foi capaz de voltear o resultado. Os de Jabato, en cambio, pisaban o acelerador despois doutro sete metros detido porFranzini e comezaban a fluír para desnivelar as forzas e facer un +4 que supoñía a maior diferenza ata o momento (12-8).
Quedaban 5 minutos para o descanso e os brancos ampliaron a cinco goles a súa renda, que volveu quedar reducida en catro cando finalizou o primeiro tempo (14-10).
Despois do paso polos vestiarios o dominio cisneísta foi maior, cunha defensa imperial que permitía endosar un novo parcial de 3-0 para poñerse 17-11 aos cinco minutos do segundo tempo.
Devolveu o golpe o conxunto alacantino con outro 0-3, Jabato pediu tempo morto, pero o Cisne xa non era o mesmo e unha serie de perdas en ataque empezou a condenalo. Non había fluidez nas circulacións e cando lograban sacar o lanzamento,aparecía Adrián Torres para baixar a persiana (19-18).
Alternábase a vantaxe dun ou dous goles a favor dos locais e o empate era cuestión de tempo, pero a defensa aberta de Agustinos favoreceu aos de Pontevedra, e en especial a Alberto Delgado, que devolvía as boas sensacións ao seu equipo.
Cunha diferenza de dous goles (24-22) alcanzáronse os minutos decisivos aos que os de Alacante chegaron con vida, pero o Cisne non só alongou os seus últimos ataques para rascar os máximos segundos posibles, senón que terminou sentenciando por 28-24.