Unha remonta do Esteo nos últimos minutos deixa ao Leis sen premio

Pontevedra
11 de abril 2026
Actualizado: 19:41

O equipo pontevedrés, que afrontaba o encontro sen nada en xogo, sufriu unha remonta do Esteo nos últimos minutos para pasar do 2-0 ao 3-4 final

Partido entre Leis Pontevedra e O Esteo FS

Ao Exlabesa Leis Pontevedra fíxoselle longo o encontro deste sábado disputado no Pavillón Municipal dos Deportes. Os de Santi Valladares, que mandaban por 2-0 no arranque do segundo tiemopo, sufriron unha remonta nos minutos finais para terminar caendo por 3-4 fronte ao Esteo FS.

A pesar de non haber nada en xogo para os pontevedreses, o Leis non negociou a intensidade nin o xogo fronte a un rival que está a pelexar por entrar nos postos de play-off de ascenso.

Aínda que o dominio foi para os de Santi Valladares durante os primeiros minutos, o Esteo non tardou en dar un paso á fronte cunha presión alta que dificultou a circulación dos locais. Con todo, unha vez asentado o ataque posicional, o cadro lerezano causou enormes problemas á defensa pontesa.

A realidade é que houbo alternativas para os dous equipos nun primeiro tempo que puido desnivelarse cara a calquera bando.

Finalmente foi o Leis quen logrou facer o primeiro gol do partido no minuto 15 a través de Hugo Da Silva. O xogador do cadro lerezano cociñouse el só o tanto cunha gran xogada individual culminada cun recorte ao meta rival.

Un aspecto rechamante foi o protagonismo de ambos os porteiros nos ataques dos seus equipos. Daniel Pérez actuou en numerosas ocasións na base da xogada local, algo que vén sendo habitual ao longo do campionato. O Esteo apostou tamén por incorporar ao ataque o seu gardameta, Alejandro Regueira, en numerosas ocasións.

Finalmente chegouse ao descanso con vantaxe pola mínima para o Leis (1-0), que fixo bo ata o momento o tanto de Hugo Da Silva.

Partido entre Leis Pontevedra y O Esteo FSCristina Saiz

Arrincou certamente dubitativo o conxunto pontevedrés, que viu como o Esteo puido empatar o encontro ata en dúas ocasións.

Con todo, os locais melloraron co paso dos minutos e Cley Nogueira apareceu para aproveitar unha imprecisión da zaga rival e facer o 2-0 no minuto 24.

Non quedou máis remedio ao equipo pontés que atacar con porteiro-xogador para recortar distancias. A fórmula deu resultado inmediato e Adrián Martínez fixo o 2-1 no minuto 29 tras anotar a pracer un balón no segundo pau.

Deulle ás o gol ao Esteo, que aumentou máis si cabe a intensidade na presión e logrou anotar precisamente nun erro na saída do Leis. Foi o propio Adrián Martínez quen bateu a Daniel Pérez no man a man para empatar o encontro a oito minutos do final.

As sensacións do equipo pontevedrés non eran boas e finalmente chegou o gol que certificaba a remontada do conxunto visitante a cinco minutos da conclusión. Foi Pablo Pernas quen, nesta ocasión, atopou o espazo no segundo pau para rematar libre de marca e facer o 2-3.

O vendaval non terminara. Aos poucos segundos tras o saque de centro roubou un novo balón o Esteo e Adrián Martínez, protagonista da tarde, fixo o cuarto dos seus e o seu hat-trick particular (2-4).

Os de Santi Valladares rozaron o empate nun frenético final de partido, e é que un gol de Alejandro Montero en propia porta puxo o 3-4 no marcador. Tentárono en balde os locais tras un tempo morto pedido polo banco local.

Concluíu o encontro finalmente con derrota para o Exlabesa Leis, que xa é matematicamente campión de liga desde a xornada pasada e continúa preparándose para o play-off de ascenso. A próxima semana visitará o Xove FS.

Consulta a acta nesta ligazón.