Repartición de puntos nun vibrante derbi entre Poio Pescamar e FSF Castro (2-2)

Poio
22 de decembro 2023

O conxunto conserveiro non puido aproveitar este venres na Seca a vantaxe de 2-0 que lograra conseguir no segundo acto despois de moito traballo, e terminou cedendo un empate que sabe a pouco para pechar 2023

Partido de liga entre Poio Pescamar e Alcorcón na Seca Cristina Saiz

Empate que sabe a pouco para o Poio Pescamar no último partido do ano na Primeira División. Non pola dificultade do rival, un FSF Castro que é por méritos propios unha das revelacións da tempada, senón por non poder aproveitar a vantaxe de 2-0 que lle tiña costado moito traballo conseguir avanzado xa o segundo tempo.

O conxunto conserveiro deixa asi escapar a oportunidade de pechar 2023 preto a zona de play-off polo título.

Era o regreso á pista da Seca da ata pouco capitá Dani Sousa, e a brasileira foi a primeira en roldar o gol cando apenas transcorrera un minuto de xogo.

O duelo estaba a ser moi competido, e Laura Uña probou sorte finalizando unha xogada colectiva ao bordo da área que Lucía Paz enviaba a córner. De feito as gardametas mostrábanse seguras, e tamén Elena blindaba a portería do Poio Pescamar salvando sobre todo un man a man con Ana Ontiveros.

Luis López-Tulla paraba o partido e o seu equipo melloraba, pero non conseguía o premio do gol nun primeiro acto que se pechaba con empate a cero.

Pasaban os minutos sen que o marcador se movese. O duelo estaba en detalles, e nesas Elena sacaba unha contra rápida coa man cara á carreira de Carla Ayensa, que era derrubada pola visitante Teté. Falta que supoñía a segunda amarela, dando dous minutos en superiodad ao Poio.

Era a oportunidade das locais, e aproveitárono. Rozouno Laura Uña en apenas segundos, pero finalmente foi Saki a que embocou a gol unha rápida combinación do seu equipo no minuto 5 do segundo acto para poñer o 1-0.

Pouco despois, co Castro tentando lanzarse a por a igualada, Ale de Paz roubaba en media cancha e culminaba unha rápida transición no segundo gol, que poñía moi de cara o choque con só 10 minutos por xogarse.

Non se rendeu con todo o cadro visitante, que a cinco minutos para a conclusión apostaba polo xogo de cinco. Unha superioridade numérica en campo contrario que lle saíu ben, e é que Luisa Mayara aproveitaba un balón solto para recortar distancias. Aínda por riba un minuto despois Ana Ontiveros aproveitaba un agasallo da defensa vermella na saída de balón para facer a pracer o 2-2.

A renda se tiña esfumado con catro minutos por diante, un tempo que non lograron aproveitar as locais para anotar de novo, tendo que conformarse co empate.

Consulta aquí a acta do Poio Pescamar - FSF Castro.