O Pontevedra Club de Fútbol resígnase a perder durante as dúas próximas xornadas ao seu xogador Alberto Gil por unha polémica sanción.
O futbolista foi castigado con dous encontros de suspensión, que cumprirá este mesmo sábado fronte a Osasuna Promesas e a seguinte xornada ante Unionistas, a pesar das versións contrapostas dos feitos entre o equipo arbitral e o club granate.
"O outro día xa o dixen. Dáme igual o que poñan na acta. Aí abaixo, supostamente a expulsión era por unha cousa, e agora é por outra que non se pode demostrar. Entón, non teño nada que dicir", sinalou este xoves respecto diso o adestrador dos de Pasarón, Rubén Domínguez, disconforme coa expulsión sufrida no tempo de desconto do partido contra o Lugo cando o extremo se atopaba xa no banco tras ser sustuitdo.
Ademais de Gil, tamén perderá o choque en Pamplona no seu caso por acumulación de amoestacións o central Miki Bosch, pero "sairán compañeiros que nas últimas semanas tamén xogaron e seguro que daremos un bo rendemento e un alto nivel", defende o técnico.
Tampouco estará aínda o capitán Álex Gonzaléz, que ao fin empeza a ver a luz ao final do túnel e "xa empezou a facer partes do adestramento co grupo", destaca Domínguez. Aínda así "poñer prazos é moi difícil polo tipo de lesión que ten, pero esperemos que aos poucos recuperemos o noso capitán".
O que si entra por primeira vez na convocatoria é o arxentino Facu Ballardo que "a semana pasada non entrou máis por tema papeis que de fútbol" pero que aínda que acuse falta de ritmo "pode ser aproveitado uns minutos".
Rubén pediu aos seus manter a concentración fronte a Osasuna Promesas (sábado, 16.15 horas) e non mirar á clasificación que lle sitúa como pechacancelas, e é que "temos que ser conscientes de que os trece partidos que nos quedan son contra trece equipos de Primeira RFEF e o ser pechacancelas, cuarto pola cola, segundo clasificado... A un partido o Pontevedra pode gañar a calquera equipo, a calquera, pero tamén pode non gañar ante calquera equipo", defendeu o adestrador.
De feito o preparador do Pontevedra, que soña como todos con pelexar polo play-off, avisa que "até o 20 de maio hai moita tea que cortar estando nove equipos en cinco puntos, e o normal é que haxa baile de posicións". Por iso "hai que ser súper estables e nas últimas semanas ver se ese soño pódese conseguir e se non se pode conseguir que nos vaiamos todos afección, club, xogadores, corpo técnico coa conciencia tranquila de que o tentamos até o final".
Na súa comparecencia Rubén Domínguez defendeu os seus xogadores das críticas, centrándose a preguntas dos xornalistas nun Brais Abelenda que "é unha xoia", vendo como "tremendamente inxusto dirixir a mirada algún xogador deste plantel porque son exemplares".