Rías do Sur prepárase para acoller un dos "campionatos estrela" da natación galega

Pontevedra
17 de xullo 2018

Máis de 400 deportistas daranse cita do 19 ao 22 de xullo na piscina olímpica de Pontemuiños para participar no Campionato Galego de Natación Absoluto, Junior e Infantil de Verán

Presentación do Campionato Galego de Natación de Verán
Presentación do Campionato Galego de Natación de Verán / PontevedraViva

A natación galega ten unha cita ineludible esta semana en Pontevedra, coa disputa do Campionato Galego Absoluto, Junior e Infantil de Verán.

Trátase de "nuestro campeonato estrella de la segunda parte de la temporada", recoñeceu na súa presentación o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño, acompañado da presidenta do Natación Galaico, Amparo Porta, e a concelleira de Deportes de Pontevedra, Anxos Riveiro.

No Complexo Deportivo Rías do Sur daranse cita 421 nadadores e nadadoras de 27 clubs que chegan "en plena forma" tras os recentes campionatos nacionais.

A entidade con máis deportistas en liza será o club local, o Galaico, con 34 nadadores entre os que destaca a recente subcampioa de Europa en augas abertas, Carla Goyanes.

Serán en total catro xornadas de actividade repartidas todas elas en dobre sesión, desde as 9:30 da mañá e as 17;30 horas da tarde que converterán a piscina olímpica pontevedresa no epicentro da natación autonómica.