Rivera renova co Arosa marcando como obxectivo "tentar conseguir cousas bonitas este ano"

O Salnés
20 de xuño 2025

O dianteiro é o quinto xogador confirmado polo conxunto arlequinado para a próxima tempada, a terceira renovación

José Rivera, na súa presentación como xogador do Arosa Arosa SC

Nova confirmación no Arosa en forma de renovación.

José Rivera seguirá na Lomba unha tempada máis, no que será o seu segundo curso consecutivo como xogador do primeiro plantel arosista.

Na liga recentemente finalizada chegou a participar en 33 encontros, 23 deles como titular e sumando 9 goles.

"A decisión foi fácil porque estou moi contento de xogar aquí", explicou o dianteiro en declaracións difundidas polo Arosa.

"Para min é un orgullo enorme porque sinto o agarimo da xente e tamén teño a confianza do club e iso dáme moita forza para tentar conseguir cousas bonitas este ano", engade.

A súa decisión de continuar vincúlase ademais a un proxecto deportivo que ve interesante, asegurando que "creo que avanzamos na dirección correcta".

Rivera é o quinto futbolista confirmado polo club de Vilagarcía para a próxima tempada.

É a terceira renovación xunto a Javi Rey e Martín Diz, uníndose ás fichaxes do defensor Edgar e o porteiro Chema.