Rubén Domínguez avisa: "O Cacereño está máis vivo que nunca"

Pontevedra
12 de febreiro 2026
Actualizado: 14:51

O técnico falou da xeira do equipo estremeño e sinalou que o Pontevedra "necesita un medio centro como o comer" tras a marcha de Fede Vico "por motivos persoais"

Partido entre Pontevedra CF e Real Madrid Castilla en Pasarón

O Pontevedra Club de Fútbol afronta este sábado (14:00 horas) unha nova cita crave no Príncipe Felipe de Cáceres, onde buscará seguir alimentando o seu soño de pelexar polo play-off de ascenso ante un Cacereño en pleno refacho e "máis vivo que nunca", tal e como advertiu o adestrador granate, Rubén Domínguez.

Domínguez destacou na rolda de prensa previa ao choque o habitual bo traballo do equipo ao longo da semana e notificou os nomes dos xogadores cos que non poderá contar este sábado.

Confirmou que Álex González seguirá fóra, que Compa entrará na convocatoria con opcións de ter minutos e que Alain continúa sancionado e pendente de novas probas para valorar a súa evolución, mentres que Garay "xa está a pleno rendemento".

Preguntado pola marcha de Fede Vico, o adestrador repetiu que foi "por motivos persoais" e indicou que o que ten que facer valoracións é o director deportivo, Jacobo Maestre.

Neste sentido e ante a falta de recambios na zona do medio, explicou que "o lóxico é facer un medio centro. Necesitamos un medio centro como o comer".

Rubén pediu un futbolista "feito e dereito, que nos garanta rendemento, que saiba onde vén e que nos complemente a moi bo persoal que temos", e subliñou a urxencia de que chegue "canto antes, porque cantos máis argumentos teña o Pontevedra, máis cerca imos estar de soñar".

O preparador granate volveu pór o foco no estado do terreo de xogo de Pasarón, onde o equipo sufriu durante todo o curso e especialmente neste tramo da tempada onde se acumularon semanas nas que non parou de chover. "Xogamos contra o Real Madrid nun patatal, pero a realidade é que levamos todo o ano. Despois queremos todos un xogo combinativo, dinámico e tal, pero é moi difícil xogar neste campo", sinalou.

No entanto, non o utiliza como escusa e indicou que o Pontevedra se adapta "ao que haxa que xogar para gañar partidos". En Cáceres, con todo, é optimista.

"Se a un galego preocúpalle a choiva, apaga e vámonos. Así máis rápido está o campo e alí parece que está bastante ben. O que se ve nos vídeos é que o campo está bastante ben", afirmou.

Sobre o rival, Domínguez insistiu no respecto máximo cara a un Cacereño ao que "a primeira volta estaba a custarlle, pero nesta liga é moi competitivo. Ningún equipo está descendido, todos os equipos están moi vivos. O Cacereño acaba de enganchar unha moi boa serie, chega con moral, chega forte e ven aí. Está a un partido da salvación e o importante é salvarse na xornada 38, no último minuto que sexa", lembrou, pondo como exemplo como hai apenas cinco semanas o conxunto estremeño estaba "tocado" e agora "está máis vivo que nunca".

Tamén se referiu a Nico Conesa, exjugador granate que "está a atopar en Cáceres os minutos que non puido ter aquí. Tratámolo co mesmo respecto que calquera outro xogador do Cacereño".

O técnico volveu insistir na dificultade da Primeira RFEF e na necesidade de non confundir ambición con falta de humildade. Lembrou que non existe "zona media" real na táboa, con equipos como o Avilés que pasaron en poucas semanas de mirar cara arriba a achegarse ao descenso.​

"Non hai que confundir a ambición que nós temos de gañar cada partido sempre, con crer que si o Pontevedra non gana todos os partidos isto é un desastre", advertiu.

Recoñeceu que o equipo está xa moi preto do primeiro obxectivo, a permanencia, e que "agora si que sería un fracaso se o equipo descende. Hai que que asumir que a nosa realidade ten que ser outra. Estamos con esa ambición, sen presión, pero coa máxima ilusión de poder chegar a conseguir un play-off 10 anos despois a Segunda División".

Neste sentido, lembrou a boa dinámica do Pontevedra, con dez semanas sen perder e só unha derrota nos últimos 16 partidos, e pediu centrarse no día a día máis que en facer contas.​

"Nós témonos que centrar en cada semana e tentar sumar, e si é de tres vainos a levar máis lonxe que dun", apuntou, subliñando que os puntos suman igual se logren en casa ou fóra, en partidos máis brillantes ou máis sufridos.

Respecto da presión pola clasificación, foi tallante. "Como imos ter mal de altura se a 15 de xullo todos asinabamos estar aquí?", preguntou.

Para o técnico, si chegan tres derrotas seguidas, o equipo terá claro que "no tres partidos competiu e deuno todo. Si non nos metemos non vai ser por mal de alturas, é porque outros equipos o fixeron mellor. Pero nós temos unha ambición e unha ilusión de logralo".

Por último, valorou a sanción a Carlos Arousa con resignación: "hai que aceptala".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora