O Pontevedra Club de Fútbol afronta este sábado un novo reto no seu camiño cara á permanencia, sen renunciar a soñar con algo máis grande. Na previa do encontro en casa do Cacereño (14:00 horas), Yelko Pino compareceu en rolda de prensa para valorar o momento do equipo e as súas sensacións persoais.
"O equipo sabe que fixo un bo traballo o domingo. Fomos merecedores da vitoria e estamos a levar a semana coa mesma ilusión dos últimos meses. Estamos nunha boa liña e con moitas ganas de lograr outra vitoria que nos achegue aos obxectivos", afirmou o centrocampista granate.
Coa baixa de Tiago, Yelko asume máis protagonismo (se iso é posible) no medio, aínda que asegura atoparse en ben fisicamente. "Até a data xoguei moitos minutos, pero atópome ben, creo que temos un corpo técnico que nos ten a todos moi ben. Non notei signos de fatiga, pero é verdade que a tempada se vai a facer longa e imos necesitar de todos", sinalou.
Sobre o reiterado dilema do mal estado do céspede de Pasarón, o xogador vigués admitiu que "pensaba que ía estar peor o domingo. Non quedou tan mal polo feito de que non choveu, entón hai certas zonas do campo que si que están mal, pero hai outras, sobre todo polas bandas, que si que se pode circular ben. Temos que adaptarnos nestas datas e esperar que pasen as semanas e que se vaia poñendo mellor".
Pero antes de regresar a Pasarón, terán que visitar a un Cacereño "que ten bos xogadores, que se reforzou ben tamén, que vén unha boa dinámica e que sabemos que no seu campo aperta moito", sumado ademais que "se está xogando moito" e tratará de saír a gañar.
É por iso que, aínda que o partido do sábado pode "parecer alcanzable para poder gañalo" pola situación na táboa de ambos os dous equipos, "creo que vai ser un partido moi complicado, igual que foi o do Talavera a pesar do resultado ou da aparencia que deu. Todos os rivais xóganse moitísimo e ninguén nos vai a regalar nada. Nós temos o foco en ir partido a partido, en seguir facendo o que estamos a facer ben, en ir mellorando e aos poucos a competición vainos a levar cara a onde queremos estar", asegurou.
Preguntado pola chegada de Álvaro, Alberto Gil, Rubén López e Diego Gómez, Yelko Pino comentou a diferente mentalidade coa que aterraron os novos reforzos e a do plantel que leva desde o arranque de tempada.
"Os novos, como non estiveron a principio de tempada, teñen unha mentalidade moitísimo máis optimista que nós. Nós témola, pero claro, eles chegan aquí co equipo estando terceiros e obviamente a súa idea é xogar playoff. Os que levamos máis tempo tamén somos optimistas pero quizais somos un pouco máis cautos porque estivemos en situacións difíciles", sinalou.
Neste sentido, o xogador recalcou que hai que darlle mérito ao traballo que realizou o club, "porque nos reforzamos moi ben e ao equipo vaille a vir fantástico para afrontar este último tramo de competición"
O que tamén aterrou en Pontevedra, pero durou dous telexornais, foi Fede Vico. Preguntado por iso, Yelko recoñeceu que "son situacións persoais que quedan para un. Falei con el e teño boa relación con el desde a miña etapa en Lugo, desexarlle toda a sorte do mundo, todo o ánimo do mundo e que se recupere ben, que descanse, que estea tranquilo e que oxalá poida volver aos campos máis pronto que tarde", indicou.
Por último, falou da súa acumulación de cartóns (nove até o momento) e o perigo que corre o partido do sábado xa que, no caso de ver a décima, volvería perder o partido contra o Lugo.
"Das nove, tres foron por protestar. Dous contra o Castilla, tanto na ida como na volta, e outra contra o Mérida. É algo que me gustaría corrixir, pero nesta categoría calquera detalle é importante e non é que o árbitro vaia influír, pero aos poucos se se equivoca demasiado pode ir inclinando a balanza cara a calquera dos lados. Todo se protesta, hai moita tensión e é complicado ás veces dixerir o que vai pasando no campo e estar tranquilo", reflexionou.
Neste sentido, e de cara ao partido contra o Lugo, Yelko confía en poder estar dispoñible. "Na primeira volta non puiden xogar porque cumprín ciclo, así que esta vez tentarei estar. Apetéceme moito xogar este partido, creo que vai ser como o outro día, de moita rivalidade. A xente seguro que vén e que aperta unha chea, creo que é un partido que a xente ten ganas de ver, que vai haber un bo ambiente e a verdade que non mo quero perder", concluíu.