Rubén Domínguez, novo adestrador do Pontevedra CF

Pontevedra
30 de maio 2025
Actualizado: 31 de maio

O técnico chega ao banco de Pasarón despois de adestrar ao Ourense CF, co que ascendeu a Primeira RFEF na tempada 2023-2024. Adrián Abalo será o segundo adestrador

Yago Iglesias e Rubén Domínguez, no partido de liga entre Pontevedra e Ourense CF en Pasarón
Yago Iglesias e Rubén Domínguez, no partido de liga entre Pontevedra e Ourense CF en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra CF xa ten novo adestrador.

Apenas uns días despois de confirmación da marcha de Yago Iglesias, o club anunciou a incorporación de Rubén Domínguez Rodríguez (Ourense, 23 de maio de 1987) como novo director técnico do primeiro equipo.

O ourensán é un dos adestradores máis novos e destacados do fútbol galego, recoñecido pola súa exitosa traxectoria no Ourense CF, onde estivo a adestrar nas tempadas 2014-2016 e 2020-2024.

Nos seus dous períodos como adestrador do club ourensán, Domínguez foi o artífice dun ascenso a Rexional Preferente, outro a Segunda RFEF, e, na súa etapa máis recente, o histórico ascenso a Primeira RFEF da tempada 2023-2024 que todos os granates lembrarán.

Ademais, o equipo logrou clasificarse para a Copa do Rei en dúas ocasións baixo a súa dirección e conseguiu a permanencia en Segunda RFEF.

Domínguez despediuse do Ourense CF en outubro de 2024.

Previamente á súa exitosa etapa no Ourense CF, Rubén Domínguez tamén sumou experiencia nas categorías inferiores do RC Deportivo de La Coruña durante unha tempada, mentres que os seus inicios como adestrador se remontan á tempada 2012-2013 no Taboadela de Primeira Rexional.

Para completar o novo corpo técnico, o Pontevedra CF tamén anunciou a incorporación de Adrián Abalo Cerdeira, quen compartiu banco con Domínguez, como segundo adestrador do primeiro equipo.