Rubén Domínguez fixa o novo obxectivo do Pontevedra: "O corte pode estar nos 60 puntos"

Pontevedra
07 de abril 2026

"Até agora estabamos a descontar aos 45 puntos e agora hai que descontarlle aos 60", asegura o técnico antes de medirse o Arenas nun duelo aprazado que se presenta como unha "oportunidade"

Rolda de prensa de Rubén Domínguez en Pasarón
Rolda de prensa de Rubén Domínguez en Pasarón / Sergio Guillermo Lourés Miranda

Semana de tres partidos para o Pontevedra Club de Fútbol, que este mércores 8 de abril (19.00 horas) recupera a xornada perdida visitando o Arenas de Gexto nun duelo que se presenta como "unha oportunidade".

Así o cualificou o adestrador dos granates, Rubén Domínguez, antes de partir coa expedición do equipo rumbo ao País Vasco, e é que relanzados na pelexa por entrar no play-off de ascenso tras o seu triunfo ante o Barakaldo con este choque "só nós podemos sumar", defende.

"Temos a oportunidade agora mesmo de meterlle tres puntos ao corte e que só quedasen sete partidos", asegura, e "no peor dos casos quedamos como estamos".

Coa permanencia xa no peto o técnico puxo ademais cifra ao novo obxectivo de puntuación no que resta de liga: "O corte pode estar en 60 puntos. Non sabemos se vai estar por 57, 58, 59, pero en 60 case seguro que entras. Até agora estabamos a descontar aos 45 puntos e agora hai que descontarlle aos 60", afirma Rubén.

Confirma o preparador ourensán que para enfrontarse o Arenas "non vai haber moita rotación" aínda que si "algún cambio", xa que chegados este punto da tempada "hai que poñer os que mellor están en cada partido ou os que mellor nós cremos que están ou os que mellor cremos que se adaptan para o que queremos facer". A iso engade que "aquí non hai cansazo. Aquí o que xoga tamén é a cabeza e sabemos que precisamente nas semanas de tres partidos foron case os tres puntos de inflexión que tivo o equipo este ano".

Para este partido ademais Domínguez recupera a Alain Ribeiro e Brais Abelenda cumprido un partido de sanción, polo que "a priori estamos todos dispoñibles". Todo iso coa excepción dun Miki Bosch que segue entre algodóns pero que "vai ir convocado". En todo caso "estamos a coidalo porque agora calquera lesión, quedando o que queda, corremos un risco ás veces innecesario". Por ese motivo "non sei se o imos a usar", avanzou este martes tras o adestramento do primeiro plantel.

No que respecta ao rival, o Pontevedra terá diante a un Arenas que "agora mesmo é un dos equipos máis en forma da liga".

De feito, asegura Rubén Domínguez, "é un equipo que tamén xoga sen rede. Quizais somos os dous equipos sorpresa da liga porque ninguén contaba connosco e os dous estamos convidados. O Arenas se gaña se pon a dous puntos do play-off e implicaría que 11-12 equipos estamos a loitar por tres ou catro posicións".

Trátase ademais de "un equipo que no seu campo é moi forte independentemente do que cambie a superficie. Sabemos o reto que temos nas nosas mans e motívanos", concluíu o adestrador.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora