Amolado polo resultado pero satisfeito co esforzo dos seus xogadores. Así se mostrou Rubén Domínguez tras a eliminación do Pontevedra Club de Fútbol na Copa do Rei a mans do Eibar.
"Estamos amolados polo resultado, por como se deu. Creo que na primeira parte, xusto cando mellor estabamos, encaixamos ese gol que nos fixo dano, así que acabamos a primeira parte non moi ben. Despois na segunda parte volvemos empezar bastante ben até o 0 -2", analizou o técnico.
En definitiva sente "moita mágoa pola xente, polos xogadores, porque tiñamos moita ilusión en ver a un Primeira División en Pasarón, pero xa sabemos que agora o que toca é centrarse na liga".
Neste sentido "necesitamos xa recuperarnos a nivel anímico e mental e poñer toda a carne no asador para Vigo e traer os 3 puntos", afirmou Rubén.
Un adestrador que se mostrou "moi orgulloso" dos seus porque "a pesar do resultado, o equipo o dá todo, o equipo baléirase, todo o mundo creo que non se deixou nada dentro".
Rubén Domínguez non quixo entrar pola súa banda na xogada polémica do encontro, un posible penalti por man na área do Eibar co resultado aínda de empate 0-0. "Non o sei, non cho podo dicir nin o vou a discutir ou a reclamar. Ao final os árbitros toman as decisións e o liña estaba moi preto da acción", limitouse a comentar.
Si fixo referencia á estrea de Oute, futbolista do filial, co primeiro equipo, "un mozo con soltura que ten boa zurda, que ten boa calidade e golpeo de media distancia. Estou moi contento persoalmente co seu debut. Foi ou primeiro en poder debutar en partido oficial e esperemos que sexa o primeiro de moitos", afirmou.
Por último e ante a falta de efectivos o adestrador granate avanzou que "esperamos de cara ao sábado recuperar algún efectivo máis", e pediu que apoio da afección para o que resta de tempada porque "a Primeira RFEF é moi dura. Necesitámolos".