O Pontevedra Club de Fútbol disputará este sábado o encontro correspondente á xornada 36 de Primeira Federación fronte o Athletic Club B (16:15, Municipal de Pasarón).
Rubén Domínguez repasou o estado dun plantel que chega especialmente mermada no plano defensivo polas baixas por lesión de Víctor Eimil e Garay, ás que se suma a ausencia de Montoro por sanción.
Álvaro Pérez entrará en convocatoria tras recibir a alta médica, pero "a alta competitiva depende de sensacións del, polo menos está pechada a rotura, agora son as súas sensacións".
As baixas en defensa obrigan ao técnico a "romper un pouco a cabeza sobre que podemos e que debemos facer" ante un Athletic B que chega ao encontro con sete xornadas consecutivas sen gañar ás súas costas.
"Si que é certo que a nivel de resultados nesta segunda volta está a custarlle un pouquiño máis, pero xa o veredes, é un equipo que xoga moi ben a fútbol", asegurou Domínguez.
As contas son claras sobre o play-off para o Pontevedra, que podería selar a súa presenza na fase de ascenso en Tenerife en caso de sumar os tres puntos este sábado. O técnico ourensán prefire non mirar outros resultados e centrarse no seu equipo xa que "nós gañando dous partidos estamos dentro, fagan o que fagan os demais".
"Si danse resultados pois tamén podes acabar entrando nesta xornada, é moi difícil", asegurou Rubén Domínguez, que afirmou que "o único que importa é o que depende de nós".
Doutra banda, o técnico do Pontevedra quixo pór en valor todas as adversidades que superou o equipo ao longo de toda a tempada. Todo iso, asegurou Domínguez, "está a facer que o equipo continuamente se reinvente, continuamente sexa resiliente".
"Temos un plantel que son xoias e só pensan en positivo", afirmou o adestrador ourensán antes de confesar que "está a ser moi duro a nivel mental, a nivel físico tamén, pero como depende de nós, estade seguros que non nos queda outra que deixarnos a alma".
Foi entón cando o técnico destacou a unión entre equipo e afección, un factor crave para chegar á recta final en situación de que "na xornada 38, si gañamos mañá, estaremos en postos de play-off e faltará certificalo"
E é que a afección granate "é o noso xogador número 12", destacou Rubén Domínguez ao explicar que "hai anos que fai clic e sale todo e este é ese ano".
Finalizou a súa comparecencia o técnico do equipo lerezano lembrando a importancia de estar en posición de poder disputar unha fase de ascenso a Segunda División, algo que pode ocorrer ou non pero que "espero que isto tamén sexa o inicio de algo, pase o que pase".
Neste sentido, Domínguez destacou a importancia de dar continuidade a "todo iso que xa empezou co ascenso o ano pasado, cos grandes partidos que fixestes en Copa do Rei" xa que "Pontevedra ten que ser consciente do que ten agora mesmo entre mans".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.