O Pontevedra Club de Fútbol ten este sábado un novo reto en Pasarón recibindo a un Arenteiro que está ao bordo do descenso (16:15 horas).
Na rolda de prensa previa ao partido, o adestrador granate, Rubén Domínguez evitou comparacións coa etapa anterior do técnico rival, pero si recoñeceu o seu bo momento. "Desde que chegou Jorge (Cuesta), a nivel de puntuación e de xogo, as cousas están a saírlle mellor. Agora, aínda que leven dous partidos perdidos consecutivos, levan unha inercia moi boa con tres partidos seguidos gañados e atopando moi boas sensacións", explicou, afirmando á súa vez que "van vir aquí cunha ilusión grande de facer as cousas ben e de puntuar. Seguro que nos porán as cousas moi difíciles".
O que tamén porá as cousas difíciles tanto ao Pontevedra como ao Arenteiro será o céspede. "Non ten unha pinta estupenda, a verdade. Levamos xa así un mes e medio desde que xogamos o partido de Copa, que se acabou de estragar un pouquiño", sinalou Rubén, quen insiste en que "non hai que pór escusas, o céspede é o que é. Nós nestes últimos partidos habemos gañado a Areas e gañamos Ferrol, así que a idea é sumar a terceira vitoria en Pasarón. Dá igual como estea o céspede ou como deixe de estar".
Domínguez tamén valorou a chegada dos reforzos de Álvaro Pérez e Alberto Gil, quen "están adaptados desde o día un". No caso do primeiro, "estaba a adestrar e fáltalle ritmo competitivo, pero ten un ritmo de entrenos alto. É un xogador que o poderiamos utilizar no minutaje que quixésemos", recoñeceu. En canto a Alberto, "saía de lesión e queriamos ter un pouco de coidado. Non queremos acelerar moito con el, pero seguramente neste partido terá minutos".
Con quen non poderá contar é con Miguel Cuesta, que está sancionado, nin con Álex González, que ten "unha roturita no cuádriceps. Exactamente non sabemos os tempos, pero igual quedan dous semanitas máis... Cada persoa é un mundo e a Álex xa o coñecedes ben, é capaz de xogar case cunha perna, entón esperemos que estea canto antes", sinalou. No caso de Brais, "vai ter minutos", mentres que Garay "non acaba de sentirse cómodo, entón pode entrar ou non".
Por último, Domínguez insistiu na importancia de manter a concentración partido a partido e na ilusión que ten o equipo de darlle continuidade á vitoria ante o Racing de Ferrol e "seguir facendo de Pasarón ese fortín que queriamos". De feito é que si o Pontevedra logra sumar o tres puntos ante o Arenteiro, alcanzará os 36 puntos en 20 xornadas, que son os mesmos puntos "que se fixo a última vez que estivemos nesta categoría en 20 xornadas".
Aínda que o equipo vive un dos mellores momentos dos últimos anos, o técnico segue pedindo prudencia e "non pór o foco nas marcas. A realidade é que o equipo cada día é un pouquiño mellor e créello máis. Chegas xa á xornada 20 e imaxínache que fas 36 puntos... Despois de 5 meses de competición o algodón non engana. Imos cunha ilusión máxima, pero estamos a xogar contra equipos nunha categoría que é hiperigualada e contra equipos moi bos. Tampouco pensemos agora que imos gañar 3-0 ao descanso mañá, vai ser un partido hiperdifícil, hipercompetitivo, e temos que ser moi maduros porque tamén os equipos van ter certo respecto co Pontevedra, porque xa non é unha casualidade e non van vir de igual maneira que viñan nas primeiras xornadas. Temos que estar tranquilos e ser maduros, porque cada partido vai ser dificilísimo como foi até agora", concluíu.