Rubén Domínguez regresa a Ourense co obxectivo claro: "Espero traer os puntos a Pasarón"

Pontevedra
26 de setembro 2025

O técnico granate espera "empezar unha nova boa serie" para "saír deses catro puntos e estar en sete"

Rubén Domínguez, no partido entre Pontevedra CF e Cacereño en Pasarón

O Pontevedra CF afronta esta fin de semana un partido especial e de máxima rivalidade en Primeira Federación.

O conxunto granate visitará estre sábado ao Ourense CF no Couto (16:15 horas) no que será un reencontro para o seu técnico, Rubén Domínguez, que regresa á que foi a súa casa como adestrador as últimas tempadas.

"Botamos moito tempo alí, pasamos cousas moi bonitas e sufrimos tamén con cousas non tan bonitas que valeron para crecer como persoa e como profesionais neste fútbol. Vai ser a primeira vez que me enfronto ao Ourense CF e faime ilusión de facelo na miña cidade, aínda que como adestrador do Pontevedra espero traer os puntos a Pasarón", afirmou na rolda de prensa previa ao enfrontamento.

É por iso que Domínguez espera frear este inicio de tempada irregular e "empezar unha nova boa serie. Que mellor que en Ourense para sumar un máis tres que nos achegue ao obxectivo un pouquiño máis. Queremos saír dese catro puntos e estar en sete", sinalou.

Na súa análise do rival, o técnico granate destacou que é un equipo "da nosa liña, estea débil, estea forte ou estea como estea".

A pesar do seu inicio malo en liga, lembrou que están a gañar entre semana nos partidos de Copa Federación e será un equipo que estará "dentro dese grupo de oito ou dez equipos que imos loitar por alcanzar os 45 puntos para instalarnos na terceira categoría do fútbol español".

É por iso que espera "un equipo moi competitivo a nivel individual e con bos xogadores". Lembrou que aínda busca a súa primeira vitoria ligueira, polo que "temos que xogar con esa necesidade que eles teñen. Ao final non se trata só do tres puntos que sumas ti, senón tamén dos que deixa de sumar o rival".

Sobre o estado do céspede do Couto, recoñeceu que "está mal" aínda que evitou escusas. "Esta tempada non acaba de estar ben, pero ao final temos que adaptarnos a calquera situación, a calquera circunstancia, non pór escusas e traballar", afirmou.

O adestrador tamén aproveitou para facer un chamamento á inchada granate porque son "parte do obxectivo deste ano. Imos necesitar á nosa xente, imos necesitar que nos empuxen e levántennos. Nós tamén temos que darlle a eles para que poidan involucrarse aínda máis connosco. Convídoos a que nos acompañen e, si pensaban velo por televisión, que veñan. Nós sentímolos moi preto e axúdannos moitísimo".

Por último, en relación á falta de gol do equipo sinalou que non só é cousa dos homes de ataque, senón de todo o persoal.

"Ao final somos un equipo. Non somos un equipo forte polo que fai Marqueta, a lína defensiva ou a ofensiva, senón que somos un equipo forte porque somos un colectivo que empeza a presionar desde o primeiro home. A responsabilidade dos goles é de todos, non só dos atacantes. Aquí defendemos todos e atacamos todos e cada día temos que ser mellores", concluíu.