O Pontevedra CF sumou este domingo unha importante vitoria en Pasarón ante ao Arenas de Getxo (2-0), un triunfo que consolida a boa dinámica do equipo granate e alimenta a ilusión de cara ao tramo final da primeira volta.
O técnico granate, Rubén Domínguez, recoñeceu ao termo do partido a satisfacción polo rendemento dos seus xogadores e destacou o crecemento colectivo que experimentou o grupo desde o inicio da tempada.
"Quen nolo ía a dicir en xullo, cando empezamos. A verdade é que cada vez o equipo rende mellor, cada vez o equipo é máis sólido e dá máis fiabilidade", reflexionou o adestrador, orgulloso do esforzo que está a realizar o persoal. "Facer a metade dos puntos na xornada 16 é unha auténtica burrada", engadiu.
O preparador granate puxo en valor a evolución que mostrou o persoal, que foi crecendo durante todo o ano, destacando que "nos ten que seguir quedando moito por crecer, porque ao final é xente moi comprometida, moi fiucega e cada vez parece que nos imos asemellando máis a ese equipo difícil de bater nesta categoría".
Con varios xogadores tocados e tras unha semana complicada por un proceso vírico no vestiario, Domínguez quixo subliñar o compromiso do grupo. "O equipo está moi canso, está a facer un esforzo tremendo durante todos estes meses. Destaco o esforzo que fixeron Marqueta, Álex e sobre todo Cuesta, que é o que máis minutos tivo que xogar, porque pasaron unha moi mala semana e axudáronnos cada un no seu rol a hoxe sumar o tres puntos", recoñeceu.
Con este triunfo, o Pontevedra encadea a súa terceira semana consecutiva sumando e dúas vitorias seguidas, algo que nesta categoría "moi poucos equipos conseguen", sinalou o técnico. A iso hai que engadir o "facer 24 puntos quedando tres xornadas para a primeira volta que, si dínnolo en xullo, seguramente todos asinásemos. A ver até onde somos capaces de chegar, porque a nosa ambición non vai ter límites".
Sobre a portaría a cero, o técnico matizou que "é relativo", aínda que valorou o bo traballo defensivo.
Neste sentido, explicou que "o que máis importa é que o equipo ofreza fiabilidade e solidez. Igual hoxe non merecemos tanto a portaría a cero porque tiveron algunha ocasión clara que Edu liquidou moi ben e outras veces con moito menos fixéronnos goles", destacando á súa vez o traballo e compromiso de todos os porteiros, tanto de Edu no once titular como de Marqueta desde o banco.