Sabela Martínez e Hugo Casañas, ouros pontevedreses no Nacional Sub-16 de Federacións Autonómicas

Pontevedra
09 de outubro 2023

O lanzador de disco mellorou a súa marca persoal no Campionato de España celebrado en Xixón, con novo récord galego, e quedou a só 69 centímetros do récord nacional Sub-16 a pesar de ter só 13 anos

Atletas da Gimnástica no Campionato de España de Federacións Autonómicas Sub-16
Atletas da Gimnástica no Campionato de España de Federacións Autonómicas Sub-16 /

Xixón foi escenario durante a fin de semana do Campionato de España de Federacións Autonómicas de Atletismo en categoría Sub-16, unha proba na que brillaron dous atletas pontevedreses.

Un deles foi o lanzador de disco Hugo Casañas (Atletismo Rías Baixas), que con só 13 anos segue batendo marcas e quedou a só 69 centímetros do récord de España Sub-16.

Casañas levou o ouro na súa proba cun rexistro 62.22 metros, o que supón unha nova plusmarca galega e a súa mellor marca persoal.

O segundo ouro pontevedrés foi o que conseguiu Sabela Martínez (Sociedad Gimnástica de Pontevedra) nos 1.000 metros lisos. A pupila de Manuel Hurtado venceu cun tempo de 3:02.48 nunha carreira táctica que decidiu cun ataque a 300 metros. 

Sabela colaborou ademais no cuarto posto de Galicia na remuda 4x300.

A Gimnástica contou ademais con outros dous representantes no Nacional, con Anxo Filgueira rozando o podio en martelo ao ser cuarto cun mellor lanzamento de 48.92 metros, a só dous centímetros do bronce. Ademais no salto con pértega Álvaro Fontán foi oitavo.

Todos eles colaboraron cos seus puntos ao cuarto posto de Galicia en categoría feminina e ao sexto na masculina.