Agora si que Saleta Castro estará con toda seguridade o próximo mes de outubro no Campionato do Mundo Ironman en Kona, Hawaii.
Aínda que tiña a clasificación na man tras o seu segundo posto en Maastricht, a triatleta pontevedresa non se fiaba do todo e por iso acudiu ao Ironman 70.3 de Dublín a sumar uns puntos que lle evitan sustos de última hora no ránking.
En Irlanda concluíu en cuarta posición cun tempo de 4:41:06. Saíu da auga na primeira trasición terceira e non moi lonxe da líder, Susie Cheetham, pero a británica puxo un ritmo imposible de seguir para as súas rivais e marcou distancias nos 90 quilómetros de ciclismo.
Á segunda transición Saleta chegou na quinta praza, pero conseguiu remontar unha praza no último sector, o medio maratón, no que se está convertendo nun dos seus puntos fortes, a carreira a pé na que termina cun alto ritmo.
En Dublín foi segunda a británica Natalie Seymour (4:26:48) e terceira a húngara Anna Halasz (4:35:22).
Tras esta competición Saleta Castro céntrase xa na súa preparación para Kona, e faio iniciando unha concentración en Navacerrada durante as próximas semanas.