Saleta Castro ficha por un equipo belga

Pontevedra
19 de xaneiro 2017

A triatleta pontevedresa pasa a formar parte dun equipo profesional de nova creación, o Itzu Tri, liderado polo seu adestrador Luc Van Lierde. O equipo foi presentado oficialmente este mércores na localidade belga de Beringen

Saleta Castro (dereita) na presentación do seu novo equipo, o Itzu Tri
Saleta Castro (dereita) na presentación do seu novo equipo, o Itzu Tri

Novo reto profesional na carreira de Saleta Castro, que a partir de agora defenderá as cores dun equipo de tríatlon internacional recentemente creado.

A pontevedresa fichou polo Itzu Tri, un equipo belga liderado polo seu adestrador, o dobre gañador do Ironman de Hawaii Luc Van Lierde, e que foi presentado este mércores na localidade de Beringen.

Saleta é un dos catro deportistas que forman inicialmente o equipo, e a única non belga do mesmo. Xunto a ela o Itzu Tri compóñeno Alexandra Tondeur, Amber Rombaut e Kenneth Vandendriessche, afrontando cada un diferentes obxectivos individuais ao longo da tempada.

No caso de Saleta Castro, a súa primeira competición da tempada será o OceanLava Tri  Santa Cruz (12 de marzo), tendo sinalado no seu calendario tamén o Ironman de Lanzarote (21 de maio), que recoñece como o seu gran obxectivo do ano, o tríatlon de media distancia de Zarautz (11 de xuño) e o Ironman de Hamburgo (15 de agosto). Na súa planificación está tamén correr un Ironman 70.3 no mes de xullo.

Ademais de en a presentación do equipo, Saleta xa pousou coas cores do seu novo equipo nas fotos promocionais realizadas no Club La Santa de Lanzarote, onde acaba de participar nunha concentración de pretempada 15 de días.