Saleta Castro estrea tempada e equipo cun segundo posto no TriSantaCruz

Pontevedra
13 de marzo 2017

Na súa primeira proba da tempada, unha carreira de media distancia, a triatleta pontevedresa só foi superada por Gurutze Frades, como ela tamén 'finisher' do Ironman de Hawaii  

Gurutze Frades e Saleta Castro no Ocean Lava TriSantaCruz
Gurutze Frades e Saleta Castro no Ocean Lava TriSantaCruz

Boa estrea de tempada para Saleta Castro, na que supoñía ademais a súa primeira carreira defendendo as cores do Itzu Tri Team belga.

A triatleta pontevedresa finalizou en segundo lugar o TriSantaCruz, en Tenerife, nunha carreira de media distancia que se disputou baixou a franquicia Ocean Lava.

Saleta mantivo un pulso durante boa parte da proba con outra española, Gurutze Frades, que como ela é 'finisher' no Ironman de Hawaii, e coa francesa Camille Delingny ata que esta tivo que abandonar por un problema no sector ciclista.

Finalmente Gurutze superouna tras distanciarse no tramo final de bicicleta e consolidar a súa renda na carreira final a pé, impoñéndose cun tempo de 3 horas, 58 minutos e 50 segundos. Pola súa banda Saleta chegou a meta logo de 4 horas, 2 minutos e 54 segundos. 

"Estoy contenta con mi rendimiento en la prueba aunque las sensaciones en carrera fueron como una montaña rusa", recoñeceu a pontevedresa á conclusión da carreira na súa páxina de Facebook, antes de sinalar que "vamos por el buen camino" e que se atopa "ya centrada 100% en el Ironman de Lanzarote", obxectivo principal que se marcou para esta tempada.

Tamén a través de Twitter expresou as súas sensacións en Tenerife, nunha carreira que asegurou gozar compartindo quilómetros con Gurutze Frades.