Saleta Castro, quinta no Ironman de Lanzarote

Pontevedra
20 de maio 2017

A pontevedresa Saleta Castro volveu a sumar un magnífico resultado no tríatlon de longa distancia. Finalizou en quinta posición no Ironman celebrado este sábado en Lanzarote. Concluíu a proba tras 10 horas, 11 minutos e 45 segundos

Saleta Castro, en Lanzarote
Saleta Castro, en Lanzarote

A pontevedresa Saleta Castro volveu a sumar un magnífico resultado no tríatlon de longa distancia. Finalizou en quinta posición no Ironman celebrado este sábado en Lanzarote. Concluíu a proba tras 10 horas, 11 minutos e 45 segundos.

Unha picada que sufriu no segmento de ciclismo impediu que a deportista de Pontevedra puidese mellorar o seu rexistro nesta proba, na que sempre estivo nos postos de cabeza. Tanto que foi a mellor triatleta española nesta prestixiosa cita deportiva.

Saleta Castro saíu da auga, tras os 3,8 quilómetros de natación, en terceira posición a 8:35 da británica Lucy Charles, quen posteriormente se faría coa vitoria final.

A mala fortuna fixo que Castro perdese un valioso tempo sobre a bicicleta. Cando xa completara, aproximadamente, a metade dos 180 quilómetros que debía percorrer sufriu unha picada nunha das súas rodas. Nun momento no que ía oitava, perdeu bastante tempo.

Con todo, a pontevedresa non se desanimou e completou a carreira a pé de forma notable. Foi unha das máis rápidas na maratón e percorreu os 42 quilómetros da proba en 3 horas e 21 minutos.

Saleta foi quinta na liña de meta, a 36 minutos e 5 segundos da gañadora, Lucy Charles. O podio completárono as tamén británicas Corinne Abraham e Lucy Gossage. A francesa Jeanne Collonge foi cuarta, ao ser seis minutos máis rápida que a galega.