Samuel Ogando arrinca con tres medallas o Campionato de España de Esgrima en Cadeira de Rodas

Pontevedra
27 de xaneiro 2025
Actualizado: 14:26

O deportista pontevedrés da Escola Hungaresa de Esgrima sumou tres medallas de bronce en Valladolid na primeira proba puntuable para o Campionato de España

Samuel Ogando (esquerda) competindo en Valladolid Escola Hungaresa de Esgrima

Ten 18 anos e apenas unha tempada ás súas costas como tirador de esgrima en cadeira de rodas, pero os resultados non tardaron en chegar.

O pontevedrés Samuel Ogando, da Escola Hungaresa de Esgrima, vén de conseguir unha tripla medalla na primeira proba puntuable para o
Campionato de España de Esgrima en Cadeira de Rodas.

Fíxoo en Valladolid, até onde se desprazou para participar na competición.

Ogando participou nos torneos de sabre, florete e espada con resultados destacados.

En espada só o ucraíno Oleg Naumenko apartouno da final, cedendo nas semifinais por 15-12 e tendo que conformarse co bronce.

Algo similar ocorreulle co florete, perdendo en semifinais contra o arxentino Carlos Freitas por 15 toques a 4.

Freitas superouno tamén no penúltimo cruzamento da competición de sabre (15-5), confirmando o terceiro bronce para o pontevedrés.

Un inicio de tempada en grao sumo positivo e que reforza o pontevedrés de cara aos seus seguintes retos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora