O Poio Pescamar anunciou este xoves a saída de Sandra Buzón Camus (Santander, 25/11/1996), quen non continuará defendendo a portaría do conxunto galego a próxima tempada.
A gardameta cántabra despídese do club tras tres anos nos que se converteu nunha peza fundamental do esquema conserveiro.
Buzón, que chegou ao Poio procedente do Burela, foi parte importante das mellores campañas da historia do club pontevedrés.
O seu bo rendemento baixo o tres paus valeulle mesmo para ser convocada coa Selección Española absoluta en 2023, un recoñecemento ao gran nivel mostrado na máxima categoría do fútbol sala feminino español.
A traxectoria da porteira antes de recalar en Poio incluía tres tempadas no Leganés e un paso polo Bilbo FS, tras uns inicios deportivos no fútbol 11.
Durante a súa etapa como conserveira, Buzón acumulou unhas estatísticas destacables: 109 convocatorias, 45 partidos xogados (43 como titular) e 67 goles encaixados. Ademais, conseguiu anotar 2 tantos e dar 1 asistencia, mostrando a súa polivalencia no xogo.
No plano disciplinario, a gardameta mantivo unha conduta exemplar, sen recibir ningún cartón amarelo neste tres anos, aínda que si viu un cartón vermello nunha ocasión.
O club quixo agradecer publicamente "a profesionalidade e traballo" da xogadora durante a súa etapa en Poio, desexándolle o mellor no seu futuro profesional.
A saída da gardameta cántabra súmase aos movementos que está a realizar o Poio Pescamar neste inicio do mercado de fichaxes, co obxectivo de confeccionar un persoal competitivo para a próxima campaña.