Santi Picallo e Jabato reciben a Medalla de Bronce ao Mérito Deportivo da Federación Española de Balonmán

Pontevedra
12 de xuño 2022

Ambos foron galardoados na Gala dos Premios Nacionais 2022 que se celebrou este sábado no Auditorio do Banco Santander de Madrid, onde tamén se premiou a numerosos xogadores, adestradores, directivos, clubs e entidades na promoción do balonmán

Jabato recibe a Medalla de Bronce ao Mérito Deportivo
Jabato recibe a Medalla de Bronce ao Mérito Deportivo / Federación Galega de Balonmán

Os grandes resultados conseguidos polo Club Cisne Balonmán nos últimos anos valéronlle Medalla e Insignia de Bronce ao Mérito Deportivo ao seu presidente, Santiago Picallo, e ao seu agora ex-adestrador Javier Fernández 'Jabato'.

Ambos foron galardoados na Gala dos Premios Nacionais 2022 que se celebrou este sábado no Auditorio do Banco Santander de Madrid, onde tamén se premiou a numerosos xogadores, adestradores, directivos, clubs e entidades na promoción do balonmán.

O acto foi presidido por Francisco V. Blázquez e contou coa asistencia de máis de dous centenares de persoas, entre os que destacou a presenza do presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco.

Blázquez destacou os logros do balonmán español no último ano, como "a medalla de bronce en Tokio, a de prata no Europeo de Suecia e a organización do Campionato do Mundo feminino. Esta é unha mostra do noso traballo por dignificar e posicionar o deporte feminino".  

Tamén recoñeceu o traballo dos premiados e admitiu que "ver o que representa a RFEBM no mundo é un auténtico luxo. Estamos a falar da mellor federación do mundo. Representades a todos os estamentos e demostrades o mellor en cada campionato, deportistas e adestradores".

Ao longo da gala, a Real Federación Española de Balonmán fixo entrega de ao redor de 50 premios para distinguir o labor e o traballo de persoas clave en cada un dos estamentos que conforman a familia do balonmán español: entidades, clubs, institucións, directivos, árbitros, xogadores, medios de comunicación e personalidades do deporte.

Entre eles rendeuse homenaxe ao club pontevedrés por todos os éxitos logrados pola súa canteira nos últimos anos co culmen do ouro nacional xuvenil en 2021. Ademais da súa traxectoria co Cisne, con dous ascensos a Liga Asobal nas tres últimas tempadas, a Jabato recoñecéuselle o seu labor como técnico das categorías inferiores da Selección Española, coas que conseguiu unha medalla de bronce no Campionato de Europa Xuvenil celebrado o pasado verán en Croacia.

Cabe destacar tamén o galardón outorgado a personalidades como Pedro Moreno, que dedicou máis de catro décadas da súa vida ao balonmán e ao balonmán praia; Ángel Saboroso e Óscar Raluy, recoñecidos pola súa exitosa carreira como unha das mellores parellas arbitrais do mundo; e a Raúl Entrerríos, lenda e capitán dos Hispanos e do Barça, que se despediu en 2021 das pistas como xogador.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora