Sanxenxo perfílase como xornada decisiva na Volta a Galicia de ciclismo

Sanxenxo
14 de setembro 2018

O concelleiro de deportes de Sanxenxo e o presidente da Federación Galega de Ciclismo presentaron os pormenores da segunda etapa da Volta Ciclista a Galicia 2018 que se disputará o venres 21 de setembro

Jesús Sueiro e Juan Carlos Muñiz presentan a segunda etapa da Volta a Galicia
Jesús Sueiro e Juan Carlos Muñiz presentan a segunda etapa da Volta a Galicia / Federación Galega de Ciclismo

O concelleiro de deportes de Sanxenxo, Jesús Sueiro, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, presentaron os pormenores da segunda etapa da Volta Ciclista a Galicia 2018, que terá saída e chegada no municipio o vindeiro venres 21 de setembro.

O inicio da etapa darase ás 13:00 horas desde o Paseo de Silgar, co obxectivo de chegar a multitude de veciños e afeccionados, e tanto na saída como na chegada o pelotón percorrerá diversas rúas do centro urbano e de Portonovo. 

En apenas 20 quilómetros o pelotón volverá pasar por Sanxenxo para disputar a primeira meta volante do día, mentres que a segunda meta intermedia terana en San Xoán de Poio a 33  kilometros da chegada.

A xornada preséntase como decisiva na rolda autonómica, cun un trazado de 148 quilómetros que discorrerán pola localidades de Vilalonga, Cambados, Vilagarcía, Catoria, Caldas de Reis, Barro, Leiro, Samieira e Sanxenxo e onde os ciclistas deberán afrontar as ascensións aos altos de Carracedo (3ª Categoría), O Busto (2ª Categoría) e A Escusa (1ª Categoría).