Sanxenxo foi sede por primeira vez en Galicia do seminario de árbitros de fútbol de Primeira e Segunda División de metade de tempada.
O evento reuniu durante esta semana a máis de 120 árbitros e xuíces de liña, que afrontaron unha xornada técnica no campo de Ou Revel para, a continuación, gozar dunha visita guiada no Pazo de Quintáns.
O martes 24 de febreiro celebrouse a xornada dos colexiados de Segunda División, mentres que este xoves, 26 de febreiro, foi a quenda dos de Primeira.
O acto contou coa presenza do presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; o presidente da Federación Española, Rafael Louzán; o presidente do comité Técnico de Árbitros (CTA), Fran Soto; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; e tamén representantes dos clubs de fútbol locais.
O rexedor do municipio foi o encargado de dar a benvida a todos os participantes, destacando "a honra" que é para Sanxenxo acoller un "simposio tan importante. Aquí estivo a Selección Española e equipos de Primeira, pero recibir á cúpula arbitral é un orgullo", sinalou.
No caso do presidente da Futgal felicitou ao CTA polo seu "novo rumbo, moito máis aberto e próximo aos clubs" e se dirigó aos árbitros recoñecendo que o seu traballo, semana a semana, "é complicado tanto técnico como persoalmente".
Despois de Prieto tomou a palabra Fran Soto, presidente do Comité, quen desexou aos colexiados que "terminen ben a tempada. Estou convencido de que somos os mellores árbitros que hai a día de hoxe en Europa. Desde a UEFA están a permitir que a maioría de vós ou moitos de vós esteades nas principais competicións internacionais. Hai que seguir loitando que isto é un camiño longo", sinalou.
O presidente da Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, foi o encargado de pechar o acto, recomendando aos colexiados que estean "orgullosos" do traballo que fan semanalmente en todos os campos de fútbol.
"Estades no top 3 con Alemaña e Italia en Europa. O erro é humano, pero o nivel de excelencia é para sentirse satisfeitos. Agora vén o tramo máis quente e complexo, pero afeccionados, clubs e xogadores deben porse no papel do árbitro para entender a dificultade de cada partido e decisión", afirmou.