Segunda vitoria do Pontevedra CF no que vai de pretempada, superando ao Racing Villalbés no partido amigable disputado en Baltar este sábado. Os goles de Rufo, Charles e Jaichenko valeron para darlle a vitoria a un equipo que aínda está en contrución e vai puíndo aos poucos os erros de fronte ao primeiro cruzamento ligueiro.
Apostou Ángel Rodríguez por un once formado por Pablo Cacharrón, Jacobo López, Churre, Samu Araújo, David Soto, Javi Rey, Alberto Rubio, Brais Abelenda, Miguel Román, Álex González e Rufo, e foi este último o que adiantou aos granates cando se alcanzaba a primeira media hora de xogo.
Duroulle pouco a alegría ao Pontevedra, xa que o Racing Villalbés, máis activo en ataque co marcador en contra devolveu o golpe en forma de gol e colocando novamente o empate.
Na segunda metade chegaron os cambios nas filas pontevedresas. Ángel Rodríguez deu entrada a Charles e Martín Diz, xerando máis mobilidade en campo rival e creando máis ocasións.
Unha delas foi no minuto 75 desde os 11 metros. Tivo Charles nas súas botas a oportunidade de poñer ao Pontevedra por diante no duelo, pero o gardameta adiviñou as súas intencións e atallou o esférico.
Cando non tivo compaixón o dianteiro brasileiro foi xa na recta final, cando quedaba un minuto do tempo regulamentario máis o que engadise o colexiado. Cabeceou á rede Charles, anotando o 2-1 e Jaichenko, que se quería unir á festa, deixou visto para sentenza o encontro certificando a vitoria dun Pontevedra que levou o Trofeo Leopoldo González Pombo.