Segundo posto para Mika Vijfvinkel, de Supermercados Froiz, na última etapa da Copa de España

Pontevedra
18 de maio 2026

O ciclista holandés terminou en segunda posición a última etapa da competición celebrada en Vigo e a escuadra alimenticia logrou a vitoria no xeneral por equipos

Ciclistas do Supermercados Froiz na etapa da Copa de España celebrada en Vigo Supermercados Froiz

Gran peche da Copa de España para o Supermercados Froiz en Vigo, que logrou un segundo posto do ciclista holandés Mika Vijfvinkel xunto a unha cuarta praza para Joel Díaz, resultados que permitiron á escuadra lerezana subir ao primeiro caixón do podio na clasificación por equipos.

A etapa non foi sinxela para os ciclistas, que fixeron fronte aos máis de 4.000 metros de desnivel ao longo de 190 quilómetros de distancia.

O percorrido pasou por subidas clave a Groba, Tebra, Galiñeiro e Monte Aloia, un traxecto tan duro que propiciou que un grupo reducido de corredores quedase á fronte da carreira.

A escuadra alimencia contaba con cinco ciclistas neste grupo e a falta de 60 quilómetros para chegar a meta producíronse dous cortes clave.

Mika Vijfvinkel mantívose a unha distancia de 2´30´´ ata que finalmente o grupo de escapados quedou absorbido por outro reducido pelotón.

Non foi así para o holandés, que continuou en solitario e quedou a 29 segundos de alcanzar ao principal escapado e gañador da etapa, Iker Pérez.

O seu gran desempeño foille suficiente para alzarse coa segunda posición e Joel Díaz, tamén dos Supermercados Froiz, entrou cun grupo máis rezagado para cruzar a liña de meta en cuarta praza.

Os bos resultados do equipo na etapa viguesa, que culminou no Castro, permitiron ao conxunto lerezano subirse todo o máis alto do podio na clasificación por equipos e pechar ao grande a Copa de España.

O equipo afrontará agora un pequeno parón antes de comezar as voltas por etapas.