Seguridade e controis anticovid na tradicional xornada de captación de novos talentos do Waterpolo Pontevedra

Pontevedra
21 de setembro 2020

O club regresou no mes de xullo aos adestramentos aplicando un estrito protocolo de seguridade que manterá para estas xornadas ás que os interesados xa poden inscribirse poñéndose en contacto por teléfono, redes ou correo coa entidade para informarlles do lugar, día e hora das sesións

Adestramento do Waterpolo Pontevedra no encoro de Pontillón do Castro Club Waterpolo Pontevedra

Con atraso pola pandemia, pero a xa tradicional xornada de portas abertas e captación de novos talentos do Club Waterpolo Pontevedra está de volta. O conxunto pontevedrés convida a todos aqueles mozos con idades comprendidas entre os 8 e 13 anos, sen límite de idade para as nenas, a probar este deporte con todas as garantías sanitarias para evitar contagios por coronavirus.

Como consecuencia da situación sanitaria, este ano os horarios, días e instalacións de adestramento pode variar dun momento a outro polo que desde o club piden aos interesados en probar este deporte que se poñan en contacto cos responsables da entidade a través de redes sociais, teléfono ou correo para solicitar información e cofnirmar a súa participación nas xornadas.

O que si está garantido é a seguridade dos deportistas. Despois do parón pola corentena, o Club Waterpolo Pontevedra foi dos primeiros clubs da cidade en retomar a actividade e fíxoo seguinte un estrito protocolo de seguridade e con adestramentos sen contacto buscando mellorar a condición física, técnica e táctica dos seus xogadores a través de exercicios lúdicos. Unhas rutinas que, aínda que o contacto xa está permitido, manteranse nestas sesións de captación.

Neste sentido e para achegar maior tranquilidade ás familias, desde o cadro lerezano fan referencia a diversos estudos que aseguran que a práctica do waterpolo, ao ser no medio acuático, conleva menos riscos de infección por Covid-19 que outros deportes terrestres. Por iso "animamos a probar un dos deportes máis completos e divertidos nun club onde a nosa filosofía é que non só formamos deportistas, formamos persoas e sempre coa saúde por diante de todo", rematan o seu chamamento.