Semana de récords para o CN Galaico con Antía García e Rosalía Soler

Pontevedra
15 de xuño 2025

As nadadoras do club pontevedrés participaron no Campionato de España Absoluto de Verán P50 'Open' Trials-Astralpool, celebrado en Palma de Mallorca

Rosalía Soler e Antía García
Rosalía Soler e Antía García / Club Natación Galaico

O Club Natación Galaico deixou a súa pegada en no CXII Campionato de España Absoluto de Verán P50 'Open' Trials-Astralpool, celebrado do 11 ao 15 de xuño na piscina de Son Hugo, en Palma de Mallorca.

O evento, que congregou á elite da natación nacional e internacional, serviu como proba clasificatoria para competicións internacionais.

Destacaron no club pontevedrés Antía García Silva, cun novo récord galego absoluto, e Rosalía Soler Lomba, logrando a súa mellor marca persoal.

A primeira delas asinou un gran campionato, sobre todo nas probas libres. Nos 50 metros estableceu un novo récord galego absoluto cun tempo de 25.89, alcanzando ademais unha meritoria quinta posición absoluta nacional na Final A.

O seu bo rendemento continuou nos 100 metros, onde logrou a súa mellor marca persoal (PB) no preliminar con 57.14, para logo finalizar sétima absoluta nacional na Final A con 57.33.

Ademais, nos 50 bolboreta, rexistrou unha mellor marca da tempada (SB) con 27.99, colocándose na undécima posición absoluta nacional.

Pola súa banda, Rosalía Soler segue demostrando a súa progresión entre as mellores espaldistas do país. Nos 100 costas, marcou un tempo de 1:04.98, que representa a súa mellor marca persoal en piscina de 50 metros, logrando unha destacada 21ª posición absoluta nacional.

Nos 50 costas, rexistrou 31.39, a súa mellor marca persoal da tempada.

O Club Natación Galaico felicitou a ambas as nadadoras polo seu esforzo, constancia e os excelentes resultados obtidos, así como ao adestrador Sergio Silva polo gran traballo realizado.

"Este Campionato de España non só deixa grandes marcas e logros, senón tamén valiosas aprendizaxes que nos seguirán facendo crecer como club", sinalaron.