A situación do Club Deportivo Guijuelo, contra o que o Pontevedra debe xogar un encontro aprazado polo temporal de neve na Península, empeora a cada día que pasa, tras desatarse un brote de coronavirus no seu plantel.
Tras o aprazamento da súa viaxe a Pontevedra e cando se debatía sobre a nova data, o Guijuelo informou que se detectaron novos positivos por Covid entre os seus xogadores, o que provocou tamén o aprazamento do seu choque da fin de semana en Vigo fronte ao Celta B.
Agora, aínda sen fixarse o día da súa visita a Pasarón, o conxunto chacineiro informou que todos os membros do primeiro equipo, xogadores e corpo técnico, deben permanecer en confinamento domiciliario "ata novo aviso", segundo comunicoulles o Servizo de Sanidade de Castela e León.
Esta decisión tómase mentres se espera polo resultado das probas PCR que Sanidade realizou este martes aos xogadores que resultaran negativos nos test feitos por parte do club.
Todos estes feitos, sinala o club salmantino nun comunicado, "impiden ao plantel do CD Guijuelo realizar calquera tipo de actividade, quedando suspendidos os adestramentos individualizados mantidos ata a data".
De manterse a magnitude do brote todo apunta a outra posible suspensión do encontro que debe xogar a próxima xornada fronte ao Zamora, o que sería o seu terceiro aprazamento consecutivo e dificultaría a procura de datas para recuperar os partidos. Polo menos o primeiro nesa fila sería o Pontevedra.