Sergio Troitiño conquista o bronce no Open de Holanda de taekwondo

Marín
14 de marzo 2023

O taekwondista do Mat's de Marín só cedeu en semifinais diante do número 1 do ranking despois de superar con solvencia tres combates contra deportistas de maior experiencia que o marinense

Sergio Troitiño (centro) tras proclamarse campión de Europa Júnior de taekwondo
Sergio Troitiño (centro) tras proclamarse campión de Europa Júnior de taekwondo / Federación Galega de Taekwondo

O taekwondista do Mat's de Marín Sergio Troitiño (-87kg) vén de acadar a medalla de bronce no Open de Holanda categoría sénior (G-1), que se disputou a pasada fin de semana en Eindhoven.

O prometedor deportista logrou subir ao podio despois de disputar tres combates. No primeiro enfrontouse a Suleymanov (Azerbaián), que foi o campión deste Open o pasado ano, ao que superou en tres asaltos. Nos cuartos de final o rival era Amer Ali (Dinamarca), prata o pasado ano, e o venceu en dous asaltos.

Sen embargo, na semifinal agardaba o número 1 mundial do peso, Icaro Martín Soares (Brasil). O galego deu a cara en todo momento, pero no primeiro asalto caeu 6-0 e no segundo asalto chegou ao final con 3-3 no marcador, que se inclinou a favor do brasileiro por rexistros. Aínda así, a experiencia e o resultado son moito máis que satisfactorios para o taekwondista marinense.

Acompañando a Troitiño, estivo a súa compañeira de equipo Arlet Ortiz (-57 kg) que caeu en cuartos de final nun axustado combate que se resolveu en tres asaltos contra a representante de Taipei. Antes, xa dera superado dúas roldas. Pola súa banda, Yadira Reimúndez (-57 kg, Mat's de Marín) e Adrián Pan (-74 kg, Mace Sport) foron capaces de vencer nun combate, pero caeron no segundo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora