Gran éxito o conseguido este venres por Sergio Troitiño no Campionato de Europa Sub-21 de taekwondo.
O deportista do Mat's de Marín colgou a medalla de ouro na categoría de -87 quilos despois de completar unha competición impecable.
De feito o marinense gañou todos os seus combates por 2-0, sen ceder un só asalto.
En primeira rolda superou con claridade ao tamén español Ayoub El Arnouki El Makdouri.
Pola súa banda en cuartos de final o rival era o chipriota Aris Stylianidis, que a punto estivo de forzar a terceira manga até a remontada de Troitiño nos segundos finais.
Xa en semifinais Sergio impúxose con autoridade ao francés Nahil Mehnana plantándose no combate polo título continental.
No duelo decisivo, o do Mat's foi mellor que un deportista de ampla experiencia internacional como é o grego Fotios Dompas, facéndose cun merecido ouro.
Un éxito que chega apenas uns días despois de participar no primeiro Mundial Sub-21 da historia, disputado en Nairobi, onde finalizou no quinto lugar.