Do ouro europeo Sub-21 ao subcampionato continental absoluto en apenas cinco meses.
Sergio Troitiño, que en decembro logrou o ouro continental sub-21 en Kósovo, colgou este mércores de maneira brillante a medalla de prata no Campionato de Europa Absoluto de Taekwondo que se celebra na localidade alemá de Munich.
Todo un paso á fronte dun deportista que se confirmou xa na elite internacional do seu deporte.
O representante do Mat's de Marín superou exixentes combates na súa participación en Munich na categoría de -87 quilos.
O seu camiño arrincou en oitavos de final gañando o esloveno Patrik Divkovic, e continuou cun 2-1 contra o refuxiado iraniano Mehdi Abedini.
En semifinais esperaba un dos rivais máis exixentes, o ucraíno Artem Harbar, medallista mundial e segundo cabeza de serie, pero de novo Troitiño mostrouse firme para gañar o combate por 2-1.
O marinense afrontaba o Europeo co obxectivo de "gañar combate tras combate, o que veña despois será consecuencia diso", afirmaba antes da competición á Federación Galega de Taekwondo.
Así se plantou na gran final fronte ao polaco Szymon Piatkowski, outro medallista mundial, nun enfrontamento tremendamente disputado e decidido por detalles.
Troitiño foi a remolque desde os segundos iniciais, pero puxo en apertos ao seu rival, cedendo finalmente en dous asaltos por 2-4 e 4-5, tendo que conformarse co subcampionato europeo.
Un éxito en todo caso para Sergio Troitiño que se suma á medalla de prata conseguida polo seu compañeiro de equipo Iván García, subcampión o pasado luns e por terceira vez na súa carreira na categoría de +87 quilos.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.