O Supermercados Froiz perde un dos seus corredores máis destacados. O cántabro Sergio Vega, actual campión de España, abandona a disciplina pontevedresa para dar o salto ao ciclismo profesional.
Farao como integrante do equipo Miranda-Mortágua. Será o segundo corredor español do conxunto luso, que tamén fichou ao galego Cristian Mota.
Sergio Vega, que asinou unha gran tempada alzándose co campionato de España, a Volta a Coruña e a Volta a Galicia, consegue así cumprir o seu soño e probar sorte no pelotón profesional.
O ciclista cántabro marcha, segundo recoñece, moi agradecido ao equipo pontevedrés, do que asegura que lle devolveu a ilusión e as ganas de correr.
Con respecto ao seu novo equipo, Vega celebrou esta oportunidade. "Espero demostrar a miña valía e seguir crecendo como ciclista", sinalou.
O grupo deportivo Supermercados Froiz desexou sorte ao corredor na súa nova etapa.