Sete anos despois, Pasarón volve celebrar un hat-trick

Pontevedra
02 de marzo 2020

Os tres goles anotados por Rufo fronte ao Real Madrid Castilla permítelle unirse ao selecto grupo de seis xogadores que xa asinaran un triplete coa camiseta granate neste século: Jorge Rodríguez, Jacobo Millán, Charles, Yuri, Igor e Javi Rodríguez

Partido entre Pontevedra e Real Madrid Castilla en Pasarón Cristina Saiz

O protagonista absoluto da primeira vitoria do Pontevedra no 2020 foi, de maneira indiscutible, Rufo. Os tres goles anotados polo ariete madrileño non só serviron para conseguir tres puntos vitais, senón que valeron tamén para pór fin a unha serie de nove partidos sen gañar e para confirmar que a afección granate ten un novo ídolo. 

"Rufo, Rufo!", cantaba o Fondo Norte durante o partido no que o dianteiro conseguiu unirse ao selecto club de autores dun hat-trick coa camiseta granate. Un fito que só lograran seis xogadores no que vai de século: Jorge Rodríguez, Jacobo Millán, Charles, Yuri, Igor e Javi Rodríguez.

A última vez que un xogador do Pontevedra asinou unha actuación tan destacada foi hai case cinco anos. E foi un póker. O 29 de marzo do 2015, os granates visitaban a cancha do Bertamiráns. Era a xornada 31 da tempada 2014-2015 da Terceira División, o ano do ascenso a Segunda B. O partido acabou cunha contundente vitoria do equipo dirixido por Luisito por 0-8, no que o dianteiro cántabro Jorge Rodríguez foi o autor de catro goles.

Pero para ver unha fazaña semellante no templo do Lérez hai que retroceder aínda máis. Ata a penúltima xornada da tempada 2012-2013 na que o extremo Tubo castigou ao Betanzos cun triplete (4-2). Uns meses antes, o 24 de febreiro do 2013, o centrocampista Jacobo Millán asinaba catro tantos na vitoria dos granates por 5-0 sobre o Narón. Y una campaña antes había sido el delantero Yago González el autor de otro hat-trick en Pasarón frente al As Pontes.

Aínda máis lonxe queda o último triplete na categoría de bronce do fútbol español. O autor foi un ilustre da historia recente do equipo pontevedrés e un dos grandes goleadores da Primeira División nos últimos anos. O brasileiro Charles Dias era ata este domingo o último granate en marcar tres tantos na Segunda B coa camiseta do Pontevedra. Fíxoo no estadio Anxo Carro, o 13 de febreiro do 2010, nun partido fronte ao Lugo que acabou con vitoria visitante por 2-4.

Eran anos nos que o conxunto lerezano exhibía músculo goleador na Segunda B con relativa frecuencia. Aínda así, anotar tres goles en noventa minutos é tarefa complicada. Tanto que hai que retroceder outros tres anos para atopar outro triplete. En xaneiro do 2007, Yuri, que xunto ao seu primo Charles e o seu irmán Igor formaba un dos tridentes máis letais que se lembran en Pasarón, foi o autor de tres tantos na vitoria por 5-1 sobre o Orientación Marítima.

Na tempada anterior, recentemente descendido o Pontevedra de Segunda División, a inchada granate viviu tres tripletes que levaron, cada un, o selo dos tres integrantes desta lembrada dianteira. Charles (3-1) meteullos ao Alcorcón en abril do 2006, Igor, no seu primeiro partido coa elástica granate, fíxollos ao Celta B (3-1); e Yuri ao Negreira (0-4) a domicilio en outubro do 2005.

A nómina de artilleiros do século XXI péchaa o heroe do ascenso. Javi Rodríguez foi o home gol do Pontevedra durante catro tempadas, pero só conseguiu unha vez marcar tres tantos nun mesmo encontro. Foi na penúltima xornada da liguiña de ascenso da tempada 2002-2003 no mítico Lasesarre, feudo do Barakaldo, nun partido que acabou con vitoria granate por 3-4.