Sete medallas para atletas da Gimnástica nunha animada xornada de atletismo no CGTD

Pontevedra
01 de xuño 2015

A pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva acolleu o Campionato Galego de Probas Combinadas e o autonómico cadete

Campionato Galego Cadete de Atletismo no CGTD
Campionato Galego Cadete de Atletismo no CGTD / Diego Torrado

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra acolleu a pasada fin de semana unha intensa xornada de atletismo coa disputa de dous campionatos autonómicos, o de probas combinadas e tamén o de categoría cadete.

Neste último, o cadete, a Gimnástica participou con 20 deportistas sumando dúas medallas de bronce, a de Lucía Cardesín nos 600 metros lisos e a de Marco Martínez no salto de altura.

Mellor foron as cousas no Campionato Galego de Probas Combinadas, no que o club pontevedrés conseguiu cinco medallas, con catro oros e un bronce.

Sandra Carballo (héptatlon) e Santi Ferrer (décathlon) revalidaron o título cunhas marcas de 4.150 e 6.293 puntos respectivamente.

Álex Solla acompañou a Santi Ferrer no podio coa terceira praza e logrando bater a súa mellor marca (5.451 puntos).

Completaron o medalleiro Francisco Quintas cun ouro en décathlon veterano (maiores 50 anos) e Jon Alonso con outro primeiro posto en categoría júnior.