Sorteados os grupos da Europe Cup, na que participará por segundo ano o TM Monte Porreiro

Pontevedra
25 de xullo 2023

O club pontevedrés, que busca recursos para poder competir por segunda vez na súa historia en competición continental, quedou encadrado no Grupo A da Europe Cup, que se disputará nos Países Baixos

Equipo do Monte Porreiro no seu debut na ETTU Cup na República Checa
Equipo do Monte Porreiro no seu debut na ETTU Cup na República Checa / Tenis de Mesa Monte Porreiro

O Tenis de Mesa Monte Porreiro xa coñece o camiño que lle espera na que será a segunda participación europea da súa historia.

Por segundo ano consecutivo a entidade pontevedresa clasificouse para a ETTU Europe Cup, segunda competición continental por equipos en importancia só detrás da Champions League.

Tras o sorteo de competición levado a cabo na localidade polaca de Gliwice aproveitando a celebración do Campionato de Europa para Xóvenes, o Monte Porreiro quedou encadrado no Grupo A da Europe Cup que terá como sede os Países Baixos.

Alí os pupilos de Nando Álvarez terán como rivais ao equipo anfitrión, o De Boer Taverzo, e ao MITTC de Malta.

Desvelada a folla de ruta do torneo, agora comeza unha carreira aínda máis dura para os pontevedreses, a de asegurarse os apoios económicos necesarios para saír a competir a nivel internacional. Neste sentido cabe lembrar que tras o seu debut continental a pasada tempada na República Checa, o Monte Porreiro terminou renunciando a seguir adiante na Trophy Cup, terceira competición continental e á que se clasificou tras participar na fase de grupos da Europe Cup.